publicidade hoxe

San Sadurniño organiza nos próximos días tres obradoiros relacionados coa saúde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O departamento municipal de Benestar e Servizos Sociais organizou para os días 16, 21 e 22 de abril tres obradoiros cos que se busca ofrecer consellos prácticos sobre como levar unha vida máis saudable e sobre como atallar a sobremedicación. É necesario inscribirse nas sesións previamente chamando ao 981 490 027 (ext.1) xa que cómpre xuntar un mínimo de dez persoas en cada unha delas para que poidan levarse a cabo.

O primeiro obradoiro é o do xoves 16 de abril a partir das 16.30h. na Casa da Cultura de San Sadurniño coa colaboración da escola de Saúde para a Cidadanía do SERGAS. A médica especialista en medicina preventiva Paula Sabela Rodríguez falaranos do papel que representan a alimentación e a actividade física en relación coa nosa saúde e coa prevención de enfermidades. 

É sabido que o exercicio regular e unha dieta equilibrada son a mellor receita para manternos en bo estado, pero hai máis: fuxir de hábitos tóxicos -a fuma, a beba, etc.-, unha correcta hixiene propia e do fogar, ter unha vida social activa ou, simplemente -e ás veces o máis complicado- manter unha filosofía da vida en positivo que nos manteña a cabeza ben equilibrada.

En relación con este último tema, o do equilibrio psicolóxico e emocional, existe unha tendencia que é maior coa idade a tentar amañar insomnios, nerviosismos e outros síntomas a base de medicamentos cando, en realidade, igual son manifestacións dun problema subxacente que se pode tratar sen pastillas. 

E o mesmo ocorre con moitas doenzas comúns. O colesterol báixase pola boca, hai dores musculares e sufocos que se deben ao sedentarismo… e así ducias de males do corpo e da alma que aplacamos con medicamento convertendo as nosas casas pouco a pouco en pequenas sucursais farmacéuticas. Porque, esa é outra, nas casas hai de todo e nalgún caso, igual que se comparten os lentes de ler, tamén se comparte esta ou aqueloutra pastilla “porque nos fai ben aos dous”. 

De todas estas cousas relacionadas co uso dos medicamentos e dos perigos do seu consumo abusivo falaranos persoal farmacéutico de Asfedro no obradoiro “Consumo responsable de fármacos”, que se desenvolverá o 21 de abril a partir das 18.15h. na Casa da Cultura e o día 22 ás 17.15h. no local social de Naraío. Para participar nesta actividade é imprescindible inscribirse chamando ao 981 490 027 (ext.1). Nesta charla mostraranse as prácticas máis habituais que debemos evitar, como automedicarnos ou aconsellar a ninguén sobre cuestións farmacolóxicas. O obradoiro está aberto a todos os públicos pero pode ser de especial interese para familias con fillas ou fillos pequenos -o asunto do ibuprofeno na infancia é actualidade- e para persoas maiores.

En maio, alimentación e diabetes

Estes non serán os únicos obradoiros relacionados coa saúde que se impartirán nas próximas semanas, xa que o martes 12 de maio Soledad Herranz -enfermeira educadora no CHUAC- nos falará na Casa da Cultura sobre como mellorar a calidade de vida das persoas diabéticas. Esta actividade tamén se levará a cabo en colaboración coa escola de Saúde para a Cidadanía e fará falla inscrición previa para garantir un mínimo de 10 persoas asistentes.

10 de abril de 2015 | 12:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.