publicidade hoxe

San Sadurniño implica a mocidade no deseño da programación para a xente nova

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

17 mozos e mozas acudiron este venres ao chamamento do Concello para manter unha xuntanza informativa ao respecto do deseño de novos programas e actuacións dirixidos á xente nova. Unha xuntanza pensada para expor as liñas de traballo dos distintos departamentos municipais pero tamén para escoitar propostas e ideas que poñer en práctica a medio e curto prazo. A sesión serviu para instar á mocidade a que se converta en protagonista e, ao mesmo tempo, en dinamizadora social en campos tan diversos como o deporte, o lecer activo ou a formación.

Os departamentos de Orientación laboral, Cultura, Deportes, Desenvolvemento local e Igualdade prepararon un documento no que se definen as liñas estratéxicas para o impulso dunha programación estable dirixida á xente nova, tomando como tal a banda de idades comprendida entre os 12 e os 35 anos. Como pano de fondo do proxecto está o feito de que se trata dun grupo social que abrangue o 18% da poboación municipal para o que non existe unha programación específica e diferenzada máis alá da ofertada polas escolas deportivas e culturais, polo CPI ou pola ANPA do centro escolar. Ademais, cómpre ter en conta que o Concello ten previsto transformar as antigas dependencias municipais do convento do Rosario nun centro formativo e de lecer que cumprirá dotar de actividade coa implicación xuvenil.

O encontro celebrado o venres á noitiña serviu de toma de contacto con mozas e mozas do territorio e nel participaron 17 persoas de distintas idades que practican deportes en clubes locais, que participan en entidades veciñais ou que simplemente quixeron achegar algunha idea. E xurdiron varias: unhas relacionadas co deporte -zumba, volei, balonmán, waterpolo na piscina municipal, facer novos tetramaratóns, etc.-, coas actividades de lecer alternativo -ximnasia acrobática, escalada, buscas do tesouro, parkour, scrapbooking…-, pero tamén sobre mellora das competencias formativas en ámbitos tan distintos como os pasos que cómpre dar para emprender, o deseño gráfico, o tratamento fotográfico e, en xeral, todo o relativo ás tecnoloxías da comunicación e o coñecemento.

Como punto de partida o Concello vai iniciar un programa piloto para a mocidade que se desenvolverá durante os tres primeiros venres de xuño polas noites. Hai definido un catálogo de actividades posibles que se levarán a cabo entre as 21h. e a 1 da madrugada. Hai máis de 30 e todas están recollidas nunha enquisa anónima en liña para que a xente nova elixa aquelas que máis lle chamen ou para que propoña outras. O programa aínda non ten nome nin logo, xa que a intención municipal é que sexa o alumnado do colexio de 3º e 4º da ESO quen o bautice e quen deseñe a imaxe identificadora das actuacións en materia de mocidade.

O obxectivo principal do formulario dispoñible a través de Google Drive é coñecer no posible as demandas existentes entre a mocidade para afinar tanto esta iniciativa piloto como unha futura programación estable para o grupo de idade comprendido entre os 12 e os 35 anos. Neste sentido, as dúas técnicas municipais que participaron no encontro animaron á rapazada a facer propostas e a contactar con calquera departamento do Concello sempre que queiran para achegar ideas novidosas susceptibles de ser postas en práctica se hai demanda suficiente. 

Por outra banda, na reunión tamén se falou da importancia da autoorganización xuvenil no impulso de programas para os que incluso hai finanzamento autonómico. É o caso da “Iniciativa Xove” da Dirección Xeral de Xuventude, a través da que se poden obter ata 4.000 euros para que grupos informais de xente nova leven a cabo as súas propias actividades no eido do emprendemento, da creatividade, da educación non formal, as TIC ou o lecer alternativo. As axudas -dirixidas a grupos promotores de entre 5 e 8 persoas, aínda que a participación final sexa maior- poden solicitarse ata o 10 de maio. Os programas subvencionados -ata o 100% dos custes- deberán executarse antes do mes de outubro. No transcurso da xuntanza ofreceuse o apoio técnico da Oficina de orientación laboral na preparación dos proxectos e na tramitación do papeleo correspondente.

O Concello anunciou que este ano ten previsto solicitar o programa “Deseñando o teu futuro”, promovido tamén pola Xunta, que financiará proxectos dos municipios e mancomunidades dirixidos a que os mozos e mozas de entre 14 e 18 anos realicen estadías ou visitas non remuneradas a empresas radicadas en Galicia. A duración destas experiencias será de entre 5 e 15 días hábiles, cunha xornada mínima de catro horas. A data límite de realización dos proxectos será o 15 de novembro e o número máximo de participantes por cada un deles será de 30 persoas. Deste xeito, poderán adquirir coñecementos, aptitudes e habilidades que lles axuden a decidir a súa futura formación profesional, tras facilitarlles un primeiro contacto coa realidade laboral do seu contorno. 

20 de abril de 2015 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.