publicidade hoxe

San Sadurniño e Xunta marcan un prazo de dous meses para definir novas actuacións no castelo de Naraío

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O alcalde e mailo concelleiro de Turismo reuníronse onte en Santiago coa directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia para achegar posturas sobre o futuro do castelo de Naraío. A fortaleza -na que o ente autonómico e o Ministerio de Fomento investiron algo máis de 463.000 euros entre os anos 2007 e 2011- encóntrase de novo nun estado que require unha intervención urxente. De feito, a última fase de consolidación da estrutura rematouse sen que houbese comunicación oficial da finalización dos traballos nin tampouco da reversión da edificación ao Concello, cedida temporalmente á Xunta para a execución das obras. A directora xeral, María del Carmen Martínez, e os representantes municipais acordaron buscar unha fórmula que permita facer labores de mantemento e continuar coas investigacións. Esa fórmula sería un programa de traballo para os próximos anos que a Xunta elaborará e lle proporá ao Concello, previsiblemente, “nos próximos dous ou tres meses”.

Na xuntanza Secundino García e Manolo Varela puxeron enriba da mesa a necesidade de por en valor a fortaleza do século XIV catalogada como Ben de Interese Cultural, máxime cando se levan investido nela “unha cantidade importante de recursos públicos cun resultado final oculto hoxe pola maleza”, tal e como indicou o edil de Turismo.

Desde o remate das obras en 2011 o castelo “quedou nun limbo legal” en que nin se continuou o traballo iniciado nin tampouco se lle volveu a titulariedade ao Concello. “A crise detivo en seco os investimentos e provocou que o proxecto non se rematase como estaba previsto, é dicir, deixando a zona limpa, libre de andamiaxes e coa torre e o resto do castelo en condicións de ser visitados con total seguridade”.

Durante os traballos de limpeza e consolidación do edificio realizáronse varias catas arqueolóxicas que sacaron á luz algúns obxectos de valor histórico e tamén a certeza de que se trata dunha edificación “moito maior do que se pensaba e cunhas características únicas que deben ser investigadas e difundidas para que o castelo teña o recoñecemento que merece”, asegurou Secundino García.

Neste sentido solicitouse unha xuntanza coa dirección xeral de Patrimonio co obxectivo principal de definir un plan para a fortaleza que permita, por unha banda, continuar traballando nela e, por outra, mantela en boas condicións tanto para a investigación como para o turismo.

Así, no encontro mantido onte avanzouse un marco de cooperación que, a grandes trazos, se materializaría nunha combinación de traballo arqueolóxico e pequenas actuacións de mantemento ou consolidación a medida que vaian avanzando as investigacións. “En vez de continuar con grandes obras propuxemos elaborar un programa para os próximos anos con actuacións de menor importe e máis centradas no descubrimento dos segredos que encerra o castelo”. Estas actuacións terían unha fórmula semellante ás dos campos arqueolóxicos que se desenvolven en todo o mundo, co engadido de que a presenza de persoas traballando no contorno durante parte do ano sería, ademais, “unha garantía de que o castelo vai estar en condicións idóneas para os visitantes”.

Segundo manifestou Secundino García, a idea foi acollida “con grande interese” pola responsable de Patrimonio. O alcalde explicou que a reunión se saldou “co compromiso por parte da Xunta de propoñerlle ao Concello no prazo dos próximos dous ou tres meses un plan de actuación nesta liña coa intención de levalo a cabo durante varios anos e coa implicación de ámbalas administracións”.

Outro dos obxectivos que buscaría o plan de actuacións sería a de “conseguir que o castelo sexa un atractivo polo seu emprazamento e polo feito de que se poidan ver ao vivo as escavacións que se estean realizando”. Por último, desde o Concello tamén se persegue que tanto os resultados do traballo feito ata agora como os que se definan no futuro plan de actuación “se fagan públicos con charlas, xornadas ou unidades didácticas” que axuden a comprender a importancia do castelo.

8 de abril de 2015 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.