publicidade hoxe

San Sadurniño celebra o último pleno ordinario do mandato corporativo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Primeiro sábado de maio. Día de pleno. Pero dun pleno un tanto especial polos contidos da orde do día e polo feito de que será o último con carácter ordinario no que participe a actual corporación de San Sadurniño que, tralas eleccións municipais, incorporará varias caras novas sexa cal sexa o resultado dos comicios. En canto ao contido, pouca cousa. Os temas de carácter executivo tratáronse xa en anteriores sesións e nesta só se levan os mínimos que esixe a convocatoria: a aprobación da acta anterior, a toma de razón de acordos e resolucións e o apartado de rogos e preguntas. A sesión comezará ás 11.30h.

Con esta orde do día preséntase unha sesión que se podería cualificar de trámite, aínda que cómpre ter en conta que, ao ser ordinaria, incorpora rogos e preguntas. Un punto onde habitualmente se concentra boa parte do debate entre a oposición e o grupo de goberno e que, polo tanto, fai completamente imposible saber de antemán a duración aproximada das sesións. 

O pleno deste sábado ponlle fin ás convocatorias ordinarias celebradas durante o mandato corporativo que está a piques de rematar, segundo a periodicidade establecida no pleno de organización do 18 de xuño de 2011. Como curiosidade, esta será a sesión nº 40 dun calendario iniciado o 6 de xuño de 2011 coa constitución da actual corporación. Desde aquela houbo 15 sesións extraordinarias e 25 ordinarias, cunha duración media no último ano de 1h.05min. no caso dos plenos ordinarios e de 26 minutos no caso dos extraordinarios. 

Plenos marcados a maior parte das veces por debates animados e en todos os casos polo respecto entre todos os membros da corporación, tal e como deixa patente o feito de que nestes últimos catro anos non se produciu ningunha chamada á orde nin tampouco houbo ningunha retirada de palabra. 

Cómpre ter en conta que ata as eleccións aínda faltan máis de tres semanas e que nese prazo podería convocarse algunha sesión de carácter extraordinario se houbese que tratar algún asunto inaprazable ou urxente.

30 de abril de 2015 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.