publicidade hoxe

San Sadurniño abre prazo de inscrición para a XX Feira da Plantación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O próximo 26 de abril San Sadurniño acollerá a XX edición da Feira da plantación coa que se busca promocionar a produción e a comercialización agrícola da zona xunto coas posibilidades de desenvolvemento sustentable do medio rural. O evento está organizado polos departamentos de Medio Ambiente, Cultura e Turismo. Na feira daranse cita principalmente viveiros de planta e árbores, florerías, produtores de horta e firmas de maquinaria, ademais de postos de alimentación e un expositor institucional que promocionará San Sadurniño a través da súa riqueza ambiental e turística. O prazo para inscribirse remata o 22 de abril ás 14.00h.

Este será o terceiro ano en que o Concello organizará a feira impulsada hai dúas décadas pola desaparecida asociación Bidueiro. O evento desenvolverase ao pé do colexio público de San Sadurniño, onde se instalará unha carpa de 2000 metros cadrados para acomodar os expositores inscritos. Entre eles haberá produción, comercialización, cooperativas e outras organizacións relacionadas co medio rural.

A feira iniciarase pola mañá e estará aberta ata ben entrada a tarde e nela haberá á venda produtos de todo tipo relacionados co cultivo da terra. Ademais, todas as persoas asistentes levarán unha planta de recordo completamente de balde e durante o día celebraranse dous sorteos con produtos doados polos expositores. Haberá lugar para xantar no propio recinto, aínda que San Sadurniño ofrece un grande abano de opcións para sentar á mesa por bo prezo. Desde o departamento de Turismo aconséllase reservar previamente, posto que nos días en que hai feiras ou mercados os restaurantes do territorio adoitan ter unha alta ocupación.

O Concello confía en que o tempo acompañe igual que o ano pasado, cando se contabilizaron arredor de 5.000 asistentes. Na cita colaboran a empresa local Planteles Vivergal e tamén a Deputación da Coruña.

Inscricións

O prazo de inscrición na XX Feira da plantación está aberto ata o 22 de abril ás 14.00h. Para apuntarse nela haberá que cubrir a solicitude que hai ao pé deste artigo e presentala no rexistro municipal, enviala por correo postal ao Concello -Lugar do Casal nº 16, c.p. 15560-San Sadurniño- ou ben a través do correo electrónico agustin.perez@sansadurnino.dicoruna.es.

Cómpre reseñar que, a diferenza do Mercado local xusto, esta feira non está aberta aos postos de segunda man nin tampouco aos de artesanía, agás aqueles relacionados co cultivo da terra ou co mundo vexetal como, por exemplo, a artesanía floral, a talla da madeira, os tecidos de liño, e calquera outro produto semellante.

A lista definitiva de postos admitidos publicarase o 24 de abril. Para máis información ou para solventar calquera dúbida hai dous teléfonos: a centraliña do Concello, 981 490 027 ou o móbil 616 332 919.

7 de abril de 2015 | 13:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.