publicidade hoxe

Salvemos Cabana alerta do risco que supoñen os tratados internacionais de libre comercio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabana de Bergantiños
A-
A+

A Plataforma adhírese á campaña do Día de Acción Global contra o TTIP/CETA/TISA e denuncia a opacidade coa que dende a Comisión Europea se están a levar a cabo as negociacións, sen ningún tipo de consulta pública nin información á cidadanía e completamente á marxe dos parlamentos nacionais.

Tanto o Acordo Trasatlántico para o Comercio e o Investimento entre a Unión Europea e Estados Unidos (TTIP polas súas siglas en inglés), coma o Acordo Integral de Economía e Comercio entre a Unión Europea e Canadá (CETA) e o Acordo en Comercio de Servizos (TISA), no que participan 23 países, buscan establecer un gran mercado transnacional que supoñería un ataque á independencia soberana dos estados e a consagración de facto do dominio das grandes corporacións.

Co desenvolvemento e aprobación definitiva destes acordos limitaríase o control efectivo das multinacionais por parte dos estados, e calquera tipo de litixio entre países e corporacións haberían de ser dirimidos a través de tribunais internacionais de arbitraxe, que funcionan como entes privados que atenden a intereses particulares e unicamente rematan por beneficiar ao capital transnacional que defenden as grandes empresas.

No caso de tratados como o TTIP ou o CETA, harmonizaríanse as lexislacións europeas e estadounidense/canadense, garantindo a liberdade de circulación de mercadorías, pero rematando por degradar sen remedio os dereitos dos traballadores e traballadoras en todo o ámbito da UE limitando os seus dereitos básicos como o de folga, negociación colectiva e sindicación.

Outra consecuencia derivada da ratificación deste tipo de acordos sería o relaxamento das normativas sanitaria e de consumo, permitindo a importanción de produtos que na actualidade non cumpren cos estándares europeos de calidade e protección ao consumidor, atentando contra o principio básico de Cautela ou Precaución recollido no artigo 174 do tratado fundacional da UE.

Doutra banda, o TTIP/CETA/TISA implican a progresiva desaparición dos servizos públicos e a súa progresiva privatización, que pasarían a ser unha mera oportunidade de negocio baseándose nas leis do mercado e non o dereito cidadán que son actualmente.

Finalmente, os tratados de libre comercio implican a maior ameaza da historia para o medio ambiente europeo, pois supoñerán o aumento exponencial da presión sobre os recursos naturais e a potenciación do extractivismo incontrolado con técnicas de alto risco socioambiental como a megaminaría e o fracking, ademais da importación de derivados petrolíferos moi contaminantes como as areas bituminosas procedentes de Estados Unidos e Canadá.

Por todo iso, Salvemos Cabana manifesta, ante a falta de transparencia e procedementos democráticos por parte das autoridades da Comisión Europea, a súa rotunda oposición á firma destes acordos, defendendo o establecemento dunhas relacións comerciais entre os países que poñan en primeiro lugar ás persoas e o planeta, protexendo ante todo a normativa ambiental e laboral indispensable para levar unha vida digna e en respecto co legado ás futuras xeracións.

18 de abril de 2015 | 20:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.