Salvemos a Fracha cumpre un ano de loita

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A plataforma ‘Salvemos a Fracha’ con motivo do seu primeiro ano de loita volve a rúa para continuar coas suas reivindicacións e aproveita para compartir cos pontevedreses os agasallos que cada primavera o monte da Fracha nos regala.

Se o tempo non o impide, o acto situarase na Praza de Ourense durante a tarde do venres, entre as 17.00 e as 20.00 horas. A plataforma achegará a cidade  o colorido e os aromas da flora que medra na Serra da Fracha e nos xardíns e leiras do rural pontevedrés nesta primavera e explicarán a afección e impacto que suporá a autovía A57.

Os afectados agasallarán aos cidadáns con as flores da Fracha  para que coñezan a riqueza de cores, aromas e variedade que da o rural pontevedrés, que se ven ameazados polo paso da A-57.

A acción forma parte da campaña informativa que mantén o colectivo para explicar aos pontevedreses o impacto severo que ten o proxecto da autovía da A-57 na zona pola que transcorre o trazado nos municipios de Pontevedra e Vilaboa.

 “Salvemos a Fracha” mantense a espera de que a Ministra Pastor e o alcalde Lores den resposta a petición de reunirse co colectivo e cos veciños afectados e reclama hoxe venres na cidade que se salve o rural pontevedrés.

Tamén quere lembrar os cidadáns que o custo previsto para a construcción do primeiro tramo de 6,2 km. sen contar as expropiacións nin a seguridade da obra que xa saíu a licitación, é duns 84 millons de euros co que se pode calcular que o custo total da A-57 vai alcanzar os mil millóns de euros para un trazado duns 64 km. Con isto os membros da plataforma queren conseguir que a cidadanía reflexione sobre a relación entre o elevado custo económico e ambiental e os posibles beneficios da construcción dunha infraestructura que transcurre paralela a AP9.

Ruralizamos as cidades, asfaltamos o rural

O Ministerio de Fomento vende aos pontevedreses unha circunvalación e proxecta un corredor de seis quilómetros que só comunica Vilaboa coa Ermida. Os veciños das parroquias afectadas non poderán entrar nin saír ao longo do trazado. Os veciños da zona urbana terán que desprazarse sete quilómetros pola N-550 para utilizala. Mentres, a verdadeira circunvalación, a AP-9, un eixe norte-sur polo oeste de Pontevedra, perde tráfico e segue sendo de pagamento. Propoñen malgastar nunha nova autovía para logo ter que rescatar a autoestrada. Liberalicemos a AP-9 e paremos o despropósito da A-57!

O Goberno aprobou o estudo de impacto ambiental con graves carencias e sen escoitar aos afectados. O Concello de Vilaboa xa amosou o seu rexeitamento a dita aprobación. Mentres, o Concello de Pontevedra, tras amosar a súa preocupación polo impacto da obra no monte da Fracha e pedir a construción de túneles como medida correctora (pedimento que foi rexeitado polo ministerio de Fomento), pasado máis dun mes aínda non manifestou a súa posición ao respecto.

23 de abril de 2015 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.