Rocío Mosquera acude a Vigo para presentar a Félix Rubial como novo xerente da estrutura organizativa de xestión integrada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

A conselleira de Sanidade, presidiu hoxe, no salón de actos do Hospital Xeral, a presentación de Félix Rubial Bernárdez como novo xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo. Na súa intervención, a titular da carteira sanitaria do Executivo galego comezou agradecendo ao xerente saínte a súa dedicación e o seu excelente traballo estes dous anos. Así, durante a súa dirección, e coa implantación da Xestión Integrada, introducíronse diversas melloras de xestión, grazas á colaboración dos profesionais e ao seu esforzo.

Entre as melloras introducidas, a conselleira citou a integración e unificación dos servizos de Uroloxía, Otorrinolaringoloxía, Neumoloxía, Neurofisioloxía e Endocrino; o inicio da Cirurxía Maior Ambulatoria Pediátrica; a interconsulta electrónica; a implantación do chek list cirúrxico electrónico; a implantación da consulta específica de EPOC en Neumoloxía; a posta en marcha das vías rápidas; a implantación do programa SILICON; a creación da área compartida de cirurxía pediátrica; o inicio da cirurxía láser na hipertrofía benigna de próstata; a implantación do triaxe Manchester; a consolidación como área de referencia para Galicia na neuralxia do nervio pudendo; ou a inclusión na carteira de servizos da dermopigmentación do complexo areola-peixón.

Outras melloras acadadas nestes dous últimos anos citadas pola conselleira son, a unificación das bases de datos do sintrom dos pacientes de toda a área de Vigo; a posta en marcha da consulta especializada de anemias; a teleconsulta; a implantación da petición electrónica de análises; a implantación do protocolo de tratamento e seguimento de Gonococias e de Papiloma Virus na totalidade de centros de saúde; a implantación da petición electrónica de radioloxía nos servizos de urxencias; a centralización das ecografías no Meixoeiro para a totalidade dos pacientes do área rural; a posta en funcionamento da Unidade de Broncoscopias; a implantación da consulta de Terapias Respiratorias Domiciliarias; a colaboración entre servizos para monitorización neurofisiolóxica en intervencións neurocirúrxicas; a escola de pacientes; a radioterapia pulmonar a corazón parado; e, por suposto, o desenvolvemento da obra do Novo Hospital de Vigo.

Novo xerente

Do novo xerente, Félix Rubial, a conselleira dixo que ven avalado pola súa ampla traxectoria e que conta cunha moi completa e sólida formación en xestión. A súa actividade profesional non é precisamente pequena, -dixo Rocío Mosquera-. Así, foi director médico do Hospital de Burela do ano 2000 ao 2003; director médico do Hospital de Lugo en dúas etapas do 2003 ao 2005 e do 2009 ao 2012; subdirector médico do C.H. Universitario da Coruña entre 2005 e 2006; director operativo do C.H. Universitario de Santiago entre o 2006 ao 2009, e, na actualidade, dende o 2012, viña ocupando o cargo de director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas.

O novo xerente ven co gran reto de poñer en funcionamento o Novo Hospital Público de Vigo, cuxas obras, -tal e como remarcou a conselleira-, finalizaron hoxe e deuse inicio á recepción das instalacións.

Neste 2015, -proseguiu Rocío Mosquera-, a área metropolitana de Vigo disporá dun hospital público dos máis modernos de Europa, emprazado na vangarda tecnolóxica, no que prestarán asistencia os profesionais sanitarios do Servizo Galego de Saúde, e que ofrecerá as mellores condicións asistenciais para pacientes e profesionais.

24 de abril de 2015 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.