Ribadumia, Meaño e Meis renovan o convenio do Centro BTT do Salnés
A alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, reuniuse onte no Concello de Ribadumia co tenente alcalde de Meaño e o alcalde de Meis para proceder á firma da renovación do convenio establecido entre os concellos mencionados e a Axencia de Turismo de Galicia sobre a continuidade do Centro BTT do Salnés.
O Centro BTT O Salnés ofrece 10 rutas para todos os niveis aínda que se destacan os itinerarios esixentes ao redor do Monte Castrove que poñen a proba as forzas e destrezas dos ciclistas, polo que é ideal para expertos da BTT. Nas rutas máis accesibles destaca a do Circuíto do Monte da Escusa con saída e chegada no Campo de Golf e con fermosas vistas panorámicas sobre as rías de Arousa e Pontevedra.
Dado o éxito das rutas do Salnés e a afluencia que reciben os montes da comarca, os Concellos que a gardan –Ribadumia, Meaño e Meis- decidiron dar continuidade a este centro por constituír un produto de calidade para o turismo de Galicia.