Ribadumia e SOGAMA implantan no municipio un programa de autocompostaxe doméstico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia e SOGAMA (Sociedad Galega do Medio Ambiente), dentro do seu compromiso co medio ambiente e co medio natural, acaban de proceder á implantación dun programa de compostaxe doméstica dirixido aos veciños do municipio. O obxectivo deste proxecto é o de reducir os residuos orgánicos producidos no Concello, obter un abono de calidade, e concienciar á cidadanía da problemática asociada aos residuos.

Dado o impacto ambiental que esta técnica pode ter a longo prazo, o concello de Ribadumia e SOGAMA poñen a disposición dos veciños do municipio vinte cinco composteiros iniciais de 240 litros para os interesados. O plan de autocompostaxe conforma unha experiencia piloto para o concello, xa que nunca antes se realizara no municipio algo parecido. Se a medida recolle unha boa acollida veciñal o proxecto poderá ser ampliado.

Os requisitos necesarios para poder participar neste proxecto son:

– Ser veciño do Concello de Ribadumia
– Habitar nunha vivenda cun pequeno terreo, xardín ou horta ao lado
– Estar desposto a participar do proxecto

A técnica de compostaxe consiste nun proceso de composición biolóxica de materias orgánicos xerados no fogar, obtendo un produto final –compost- que se pode utilizar como acondicionador de solos en xardíns e hortas. O resultado é un abono natural feito en casa e libre de costos.

A técnica, ademais de recuperar a tradición rural galega, aporta aos usuarios un abono ecolóxico totalmente natural que conta con todos os requisitos recollidos pola normativa vixente para ser aplicado na agricultura con garantía certificada.

Tendo en conta que a materia orgánica representa en composición global do lixo un 40% aproximadamente, a autocompostaxe doméstica favorece á redución de residuos orgánicos, así como á diminución das emisións de CO2 e do importe da factura a pagar a SOGAMA.

O Concello de Ribadumia por todo isto, pide a máxima participación á cidadanía tendo en conta os beneficios medioambientais, económicos e sociais que o plan pode aportar. Ademais, os interesados recibirán un curso previo de formación sobre a compostaxe e os seleccionados terán un seguimento para corrixir malas practicas e solucionar dúbidas ao longo do proceso.

O prazo de pre-inscrición para formar parte do plan comeza o luns 13 de abril e estará aberto ata o venres 25 no Concello. De entre todas as persoas solicitantes escolleranse finalmente as que cumpran os requisitos e gardaranse o resto de solicitudes para unha posible ampliación do proxecto máis adiante.

9 de abril de 2015 | 13:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.