Reyes Leis retírase da política

Reyes Leis
A concelleira de Turismo de Santiago, Reyes Leis, anunciou este venres a través das redes sociais a súa retirada da política, de modo que, aínda que seguirá no seu cargo ata que conclúa o mandato, non repetirá na candidatura do PP ás eleccións municipais.
“Hoxe tomei unha decisión moi dura: non continuar en política, e así transmitinllo ao alcalde. Grazas a todos por todo”, publicou a través de Twitter a edila, quen declinou falar cos xornalistas presentes este venres na Casa do concello compostelano.
O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, confirmou posteriormente a noticia tras participar nunha rolda de prensa no Concello. Ante os medios de comunicación, o rexedor explicou que “ambos os dous” están “de acordo” en que “a mellor decisión” nestes momentos é que Reyes Leis “busque outra actividade á marxe” do concello.
Non obstante, o alcalde “agradeceu” e “valorou” o traballo desempeñado pola edila na casa do concello dende 2011, tras afirmar que foi unha concelleira “leal, ilusionada, responsable, e, por suposto, comprometida ao máximo co equipo e coa cidade”.
A ÚLTIMA DO EQUIPO DE CONDE ROA
Responsable da concellaría de Economía, con competencias nas áreas de fomento e promoción económica, comercio, mercados, matadoiro municipal, emprego e turismo; Leis é actualmente é a única integrante do grupo do PP que entrou no Pazo de Raxoi en 2011, con Gerardo Conde Roa.
Tamén era a única dese grupo inicial que non fora imputada, aínda que, tras escoitas telefónicas decretadas no marco da Operación Pokémon ao exconcelleiro Albino Vázquez Aldrey, encargado de Tráfico ata a súa detención e posterior dimisión, tamén ela resultou imputada por un suposto delito de tráfico de influencias. En concreto, por enviar unha mensaxe ao seu entón compañeiro de corporación tras ser multada por non poñer o tique da ORA.
LISTA ELECTORAL
Aínda que si confirmou que Leis non repetirá nas próximas eleccións municipais nas filas do PP, o alcalde rexeitou concretar os nomes que irán na lista electoral popular, que, anunciou, presentarase este sábado.
“Mañá coñecerán vostedes as persoas que integrarán ese equipo”, dixo o rexedor aos xornalistas, antes de engadir que a lista será “un reflexo da cidade” e terá como “principal obxectivo xerar ilusión” e “defender un proxecto para a cidade”.











