Publícase a licitación por 650.000 euros de obras de mellora do firme nas estradas de Castrocán-Xilgueiros e Rubián-Taboada da provincia de Lugo
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), as obras de rehabilitación do firme de dous treitos das estradas Rubián – Taboada (LU-611) e Castrocán – Xilgueiros (LU-641) por 650.000 euros, segundo consta no anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia hoxe.
Na LU-611 a actuación desenvolverase ao longo de máis de 6 quilómetros, entre Sonán e o núcleo de Taboada. Os traballos previstos consistirán na extensión dunha nova capa de mestura bituminosa de 5 cm de espesor, unha vez eliminadas as deformacións actuais, e o posterior repintado.
Ademais, limparanse as marxes en todo o treito da actuación e executaranse cunetas formigonadas de seguridade que suman unha lonxitude de 1,5 quilómetros; estas obras permitirán mellorar a recollida das augas de drenaxe, o que incrementará a durabilidade do pavimento.
Pola súa banda, na estrada LU-641 actuarase ao longo de 6,6 Km., nos Concellos de Samos e O Incio. Regularizarase o firme e estenderase unha nova capa de rodadura entre os puntos quilométricos 2,5 e 6,6. A mellora do firme desta estrada completarase proximamente entre os puntos quilométricos 0 e 2,5, cun novo proxecto que incluirá este treito.
A obra compleméntase nesta estrada coa a limpeza dos marxes e reperfilado das cunetas, a reposición da sinalización horizontal, e melloras puntuais na sinalización vertical e nas defensas, desde o punto inicial da estrada en Castrocán ata Santa María do Mao no punto quilométrico 6,6.
Nos últimos anos a Consellería de Medio Ambiente xa ten actuado neste vial desde Santa María do Mao ata o seu punto final en Xilgueiros, investindo na mellora do seu firme e da súa sección preto de 4 millóns de euros.
As obras terán unha duración de 6 meses e proporcionarán unha rede máis cómoda e segura en beneficio de máis de 6.300 habitantes dos Concellos de Taboada, Samos e O Incio.
Con estas actuacións, o Goberno autonómico mellorará o estado do firme, para favorecer a comodidade dos usuarios e a seguridade viaria nos treitos obxecto da actuación.
A Axencia Galega de Infraestruturas licita hoxe ademais outros tres contratos de obra de rehabilitación de firmes, un en A Coruña, outro en Ourense e o terceiro en Pontevedra que suman un orzamento próximo a 1,4 millóns de euros.











