publicidade hoxe

Promoción Económica programa unha visita ao Viveiro de Empresas da Estrada para potenciais emprendedores interesados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Estrada
A-
A+

O concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán, anunciou hoxe a posta en marcha do proceso para a concesión dos 10 espazos de traballo existentes no Viveiro de Empresas situado no primeiro andar do Novo Mercado. Segundo indicou, o primeiro paso do proceso consistirá en realizar unha visita ás propias instalacións do Viveiro de Empresas o vindeiro venres ás 11.00 horas cos emprendedores que poidan estar potencialmente interesados en instalarse no viveiro.

“Trátase dunha visita preliminar de carácter informativo, que non compromete a nada, senón que unicamente ten como finalidade amosarlle as instalacións, os equipamentos e os servizos que prestará o Viveiro de Empresas a todos aqueles emprendedores que poidan estar interesados en optar a un espazo de traballo”, explicou Óscar Durán. Neste senso, lembrou que o Viveiro de Empresas está orientado a persoas físicas ou xurídicas con proxectos de creación dun negocio ou que estean xa en funcionamento e teñan unha antigüidade inferior aos 3 anos a contar dende o comezo da actividade.

En canto á tipoloxía dos beneficiarios, o concelleiro de Promoción Económica explicou que este Viveiro de Empresas “está concebido principalmente para empresas, profesionais liberais ou emprendedores do sector servizos que non precisen dunha infraestrutura física moi ampla e que baseen a súa actividade en certa medida a través da utilización de servizos telemáticos”. Entre a variedade de colectivos empresariais e profesionais que encaixarían no viveiro atópanse os seguintes: avogados, arquitectos, enseñeiros, consultores, xestores, comerciais, inmobiliarias, fotógrafos, deseñadores gráficos e ilustradores, profesionais da comunicación, escritores, guionistas e editores, representantes e promotores artísticos, produtores e xestores culturais, programadores informáticos, etc.

En relación coa visita programa para o vindeiro venres ás 11.00 horas, Óscar Durán precisou que as persoas interesadas en acudir deberán comunicalo previamente por teléfono na Alcaldía (986 57 00 30 extensión 6) posto que é necesario ter unha estimación de asistencia, xa que está previsto entregarlle algunha documentación sobre as normas de funcionamento do viveiro e o proceso de selección da bolsa de empresas beneficiarias. Ao respecto, sinalou que o goberno local está a barallar diferentes posibilidades en canto á fórmula de xestión do viveiro, pero matizou que “non influirán nas condicións dos beneficiarios, que previsiblemente poderán instalarse durante un prazo de 24 meses prorrogable por 12 meses máis e que unicamente terán que pagar unha cota de 50 euros ao mes”.

Como contraprestación, terán dereito á utilización do seu espazo de traballo co mobiliario correspondente, acceso ao aula de formación/sala de reunións e acceso a servizos de telefonía, preinstalación de acceso a internet, iluminación, climatización, equipos de reprografía e de limpeza e mantemento. “Este viveiro funcionará como un área de co-working, cun espazo aberto semellante ao xa existente na Cidade da Cultura”, engadíu. Ademais, dende a Concellería de Promoción Económica preténdese complementar o funcionamento do Viveiro de Empresas coa prestación de servizos de formación sobre emprendemento, orientación ao emprego e intermediación laboral e información sobre axudas e subvencións.

14 de abril de 2015 | 13:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.