Profesionais da psicoloxía revisan as avaliacións forenses en materia de violencia de xénero
As avaliacións forenses en casos de violencia de xénero resultan determinantes á hora de valorar os riscos e evitar consecuencias fatais. Este tipo de avaliacións serán obxecto de revisión este sábado 25 de abril nun curso que organiza o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia co fin de dotar os e as profesionais dos coñecementos, as ferramentas e as técnicas que lles permitan desenvolver as valoracións precisas das mulleres vítimas de violencia de xénero e o risco dos agresores.
Partindo de casos prácticos, reflexionarase sobre diferentes aspectos das avaliacións de vítimas de violencia contra a muller, como a credibilidade ou a pegada psíquica. Tamén se prestará atención especial á avaliación psicolóxica forense en casos con menores vítimas de violencia sexual, ademais doutras consultas periciais que os e as profesionais poden serlles requiridas con maior frecuencia. Entrarase polo miúdo en dúas ferramentas de avaliación: o SEG (Sistema de Avaliación Global) e o GAT-VIG-R (Guía de Avaliación da Testemuña en Violencia de Xénero).
A valoración psicolóxica do agresor entrará na diferenciación de cuestións como a perigosidade, o risco, a estabilidade ou a temporalidade. Analizaranse a metodoloxía e as ferramentas de valoración do risco, así como a información e as propostas de xestión relativas ao agresor.
O docente é Ismael Loinaz Calvo, doutor en psicoloxía e investigador do Grupo de Estudios Avanzados en Violencia da Universitat de Barcelona, e está especializado en avaliación do risco e en violencia no ámbito da parella. Ademais de ser conferenciante internacional e escribir en diferentes publicacións, Loinaz é docente en másters de Psicoloxía Forense e Criminoloxía da Universitat de Barcelona e da Universidad Miguel Hernández, entre outros.
Esta formación está organizada pola Sección de Psicoloxía Xurídica do Colexio, na procura da excelencia na actuación profesional así como unha adecuación cada vez maior a unha práctica deontoloxicamente impecable.











