Profesionais da psicoloxía afondan en Santiago na terapia de parella para dar resposta a conflitos na relación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A terapia de parella é o eixo da formación que se impartirá este venres 10 e sábado 11 de abril en Santiago de Compostela, dirixida a psicólogos e psicólogas da nosa Comunidade Autónoma. Nesta actividade que organiza o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia tentarase afondar nos mecanismos de avaliación e intervención sobre os problemas de parella desde unha perspectiva sistémica.

Como recurso terapéutico, a terapia de parella emprégase de xeito habitual para dar resposta a unha problemática de tipo conflitivo na relación, tomando como base a formulación e a demanda que realizan os propios membros afectados. A presenza da parella permite observar as dificultades da relación que adoitan ser relevantes para a terapia e amplía as posibilidades de recursos que se poden implementar co fin de intervir nos desacordos que presentan.

A docente do curso é Carmen Campo López, psicóloga adxunta na Unidade de Psicoterapia do Servizo de Psiquiatría do Hospital de la Santa Creu i Sant Pau e subdirectora e cofundadora da Escola de Terapia Familiar neste centro. Conta cunha ampla experiencia clínica e docente e ten publicado diversos libros e artigos sobre a conflitiva de parella.

No curso previsto, máis de 50 profesionais analizarán os distintos tipos de derivación, demanda e conflitos cos que se poden atopar nas súas consultas coas parellas e desenvolverán un modelo de intervención psicolóxica estruturado. A metodoloxía a seguir será participativa e práctica, analizando diversos casos clínicos e a aplicación do modelo proposto.

Esta actividade impartirase na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e está organizada pola Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG; fai parte do intenso programa formativo que ofrece o Colexio co que pretende promover a permanente actualización dos coñecementos das psicólogas e psicólogos galegos.

9 de abril de 2015 | 12:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.