Preto de 90 alumnos de Criminoloxía finalizan as súas prácticas na Agasp
O director xeral de Emerxencias e Interior e director da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), Luis Menor, participou hoxe na clausura do Practicum de Criminoloxía, no que participaron 89 alumnos e alumnas da diplomatura en Ciencias Criminolóxicas e da Seguridade Pública da USC.
Durante as cinco semanas que durou este curso na Academia estradense, os alumnos puideron perfeccionar a súa formación teórica en aspectos como o estudo das pegadas dactilares, elementos balísticos, escrituras manuscritas e a detección de documentos falsificados, entre outros asuntos.
As clases tiveron lugar nos laboratorios da Agasp -que contan cos últimos avances nestas materias- e foron impartidas por profesionais que traballan nas brigadas da Policía Científica das cidades da Coruña e Vigo, cunha ampla experiencia e práctica neste tipo de traballos.
O obxectivo desta actividade foi reforzar os coñecementos teóricos adquiridos polos alumnos ao longo dos dous anos anteriores de estudo universitario e facilitar a adquisición de novos coñecementos en materia de policía científica e investigación policial.
Esta colaboración faise posible ao abeiro do convenio entre a Academia e a USC para contribuír ao desenvolvemento de titulacións e estudos dentro do eido policial, como é a diplomatura en Criminoloxía, titulación válida para tomar parte nas probas de acceso aos corpos e forzas de seguridade do Estado dependentes das Administracións Públicas.











