Pontevedra acollerá esta fin de semana o Open de España de Taekwondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaPontevedra
A-
A+

Pontevedra acollerá entre os días 10 e 12 de abril o Open de España de Taekwondo, que reunirá a máis de 2.500 persoas de 50 países do mundo. O Open de España, da categoría G-1, é a proba de taekwondo de maior nivel deportivo que se celebra en España e nesta oportunidade batéronse todos as previsións, xa que se esperaban uns 1.500 deportistas e hai máis de 2.300 (1.257 participantes en combate, 464 en técnica, 654 técnicos, 60 árbitros, 40 persoas de organización).

O evento celebrarase en Pontevedra por delegación de WTF, ETU e da Real Federación Española de Taekwondo. O Open será organizado pola Federación Galega de Taekwondo e o club Mace Sport, coa colaboración do Concello de Pontevedra e do Instituto Municipal dos Deportes. Todos os afeccionados ao taekwondo poderán gozar cun evento no que é posible contemplar as diferentes modalidades (exhibición, técnica, combate e freestyle) e aos mellores especialistas principalmente en Combate absoluto, xa que hai en xogo puntos para o ránking mundial, e cos Xogos Olímpicos de Río no horizonte. Desta forma, entre os inscritos hai xente tan destacada coma os campións olímpicos en Londres Joel González e Brigitte Yagüe, ou a campioa do mundo Rosanna Simón xunto a destacados atletas estranxeiros, que tamén buscarán puntos para o ránking WTF.

O torneo comezará o venres (08.00 horas) coa celebración do Open de España de técnica en cinco áreas de competicións, mentres que pola tarde (a partir das 15.00 horas) terá lugar a competición na modalidade de freestyle e a exhibición comezará ás 17.00 horas (en ambos casos con só dous tapices. O sábado será o momento para o torneo de combate das categorías cadete e júnior (a partir das 08.00 horas), mentres que o domingo (08.00 horas) será o día grande, xa que se celebrará o Open de España de Combate absoluto, na que están en xogo puntos para o ránking mundial. Para a celebración do combate disporanse oito tapices de competición con vídeo replay para as accións dubidosas, e o casco electrónico coma gran novidade (será obrigatorio).

Tamén hai que destacar que os afeccionados ao taekwondo que non estean no Pavillón, poderán seguir o torneo en directo a través da páxina web da Federación Galega de Taekwondo: www.taekwondogalego.com

GALICIA, A SELECCIÓN MÁIS NUMEROSA

A celebración do torneo en Pontevedra propicia unha numerosísima participación de deportistas galegos, tanto os que conforman a selección galega, como de aqueles que participan representando aos seus clubs. Así, a Federación Galega de Taekwondo presente uns combinados galegos importantes formados por:

– 88 deportistas en técnica

– 71 en exhibición

– 130 en combate

Na categoría absoluta podemos destacar a presenza de Lúa Piñeiro e Katia Calvar en -67 quilogramos. Lúa está a participar en moitos opens internacionais e acadando magníficos resultados, mentres que Katia se está adaptando a un novo peso e tamén comezou a competir a nivel internacional. Ademais, na categoría masculina, hai que resaltar a presenza de José Fernández, despois de dous anos complicados por lesións, volve a estar a un grandísimo nivel, e por suposto ao local Xián Silva, que tentará esquecer os nervios para centrarse no tapiz e na competición.

PAÍSES REPRESENTADOS

O Open de España é a proba máis importante deportivamente falando que se celebra en España neste deporte. Por iso, acoden taekwondistas de todo o mundo en busca de importantes puntos para o ránking mundial. Desta forma, entre os acreditados hai deportistas de case 50 países. Estes son os países acreditados: Albania, Alemaña, Andorra, Arxelia, Arxentina, Australia, Bahrein, Bélxica, Canadá, Corea del Sur, Croacia, Dinamarca, Exipto, Escocia, Eslovenia, España, Francia, Gabón, Gales, Gran Bretaña, Grecia, Hungría, Inglaterra, Irak, Irlanda, Italia, Kazakhstan, Costa de Marfil, República Checa, Lituania, Estados Unidos,. Luxemburgo, Marrocos, Montenegro, Noruega, Países Baixos, Panamá, Perú, Polonia, Portugal, Porto Rico, Rusia, San Marino, Senegal, Suecia, Suíza, Turquía, Uzbekistán, Venezuela.

Destaca a participación de Alemaña con máis de 100 deportistas ou de 25 procedentes de Canadá. Ademais, algúns equipos aproveitarán a súa presenza en Galicia para quedarse a adestrar no CGTD coa selección galega.

6 de abril de 2015 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.