publicidade hoxe

Ponte Caldelas acollerá a II BTTroita o 10 de maio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPonte Caldelas
A-
A+
Presentación da II BTTroita de Ponte Caldelas

Presentación da II BTTroita de Ponte Caldelas

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, e responsables da empresa de xestión deportiva GlobalDxT presentaron a segunda edición da Ruta de Bici de Montaña BTTroita que se celebrará no municipio o próximo 10 de maio. Os participantes nesta iniciativa deberán anotarse previamente, antes do 5 de maio a través da web www.globaldxt.com, e un euro do total de 9 que custa a inscrición irá destinado a unha causa solidaria, neste caso aos enfermos da Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA). Nesta edición tamén se porá en marcha a MINIBTTROITA para nenos e familias por un percorrido de 3 quilómetros. Os participantes, que terán unha cota de inscrición de 3 euros, recibirán un diploma acreditativo da súa asistencia.

Polo que respecta á ruta deseñada para esta ocasión, sinalar que terá un carácter non competitivo, consta dun percorrido de dificultade física e técnica media, cunha distancia de 40 quilómetros, que poderán acurtarse a 32 a través de distintas opcións que ofrece a organización. Na pasada edición inscribíronse uns 450 participantes e nesta ocasión os organizadores esperan superar esta cifra e chegar aos 500.

A saída producirase ás 9,30 horas do domingo 10 de maio desde as inmediacións da Alameda de Ponte Caldelas e os participantes farán un percorrido previo, de maneira neutralizada, polas principais rúas do centro da vila.

A organización contempla a habilitación de zona de duchas, lavado de bicicletas, dous avituallamientos sólido/líquido, zona de aparcadoiro, agasallos ao participante que veña do lugar máis afastado da proba, ao de maior e menor idade e ao grupo máis numeroso.

Os agasallos serán ofrecidos polas entidades colaboradoras e está prevista a exposición de material do sector, photocall, música e diversión ao máis puro estilo BTT.

Tamén haberá a posibilidade de que aqueles participantes que o desexen poidan recibir unha masaxe final de ruta e servizo de gardaría para os máis pequenos co fin de que os pais poidan asistir con tranquilidade á proba.

A celebración desta proba persegue fomentar o uso e goce da bicicleta de montaña e estará aberta a todos os afeccionados á mesma. A intención tanto do Concello de Ponte Caldelas como da organización é que se poida gozar das marabillosas paraxes que ofrece a contorna natural do municipio de Ponte Caldelas, nun ambiente deportivo e de compañeirismo.

 

30 de abril de 2015 | 11:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.