Pedro Areal e Adrián Fernández gañan na Copa de España en C-2 sénior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportes
A-
A+

Pedro Areal e Adrián Fernández, do Breogán do Grove, en C-2 sénior, e Manuel Garrido, do Kaiak Tudense, en C-1 sénior, lograron a vitoria na Copa de España de media maratón que se disputou en Mérida. A representación galega logrou sete medallas nas distintas categorías e todos os padexeiros acabaron entre os dez primeiros das clasificacións.

A modalidade de C-2 foi onde Galicia logrou os seus mellores resultados. Pedro Areal e Adrián Fernández foron superiores a todos os seus rivais e demostrárono case desde o comezo. Avantaxaron en case tres minutos a Roi Baulde e Roi Carballeda, das Torres Romaría Viquinga. Os dous barcos galegos distanciáronse dos seus adversarios con claridade. Os do Breogán mantiveron un alto ritmo e levaron a medalla de ouro.

Pola súa banda, Manuel Garrido, do Kaiak Tudense, impúxose con claridade en C-1 sénior. Era un dos favoritos e demostrouno con solvencia. Ismael Pesado, do As Torres Romaría Viquinga, foi terceiro tras realizar unha magnífica regata.

A outra medalla de ouro logrouna Enrique Míguez, en C-1 veteranos, demostrando unha vez máis que mantén activa a súa ilusión e paixón pola canoa e por competir.

Os galegos tamén lograron bos resultados noutras categorías. Catuxa Faveiro e Fátima Ordóñez, do As Torres Romaría Viquinga, foron segundas en K-2 muller cadete. Pola súa banda, Ángel Baulde e Rebeca Laurijseen, tamén das Torres, foron terceiras en K-2 muller sénior. 

En K-1 sénior, Antonio Jorge Rei, do Firrete, entrou na quinta posición, mentres Javier Conde, do Vilaboa, foi décimo. José Ramón Estévez, do Pontecesures, conquistou á cuarta posición en K-2 sub-23, mentres Fernando Daniel Caballlero, do Piragüismo Vilaboa, foi oitavo en C-1 cadete.

A próxima cita na modalidade de maratón terá como escenario o río Pérez, en Pontevedra. Alí disputarase os días 16 e 17 do próximo mes de maio o Campionato de España, unha das probas máis importantes da tempada. En xogo estarán as prazas para competir no próximo Campionato de Europa e tamén do Mundo

27 de abril de 2015 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.