publicidade hoxe

Paula Aneiros expón “Ecos sin sombra” na galería do Concello de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Paula Aneiros é unha artista local que reflicte sentimentos, lembranzas e estados de ánimo a través de obras de distinto formato pero cun nexo común: a viveza das súas cores, as texturas que semellan saltar do lenzo e a impregnación dos trazos con textos case ilexibles a xeito de mensaxes subliminais que apuntalan o que quere transmitir. Na galería do Concello podemos ver ata fin de mes unha vintena de cadros representativos da súa obra, caracterizada pola complexidade e o intimismo. Para o mes que vén xa hai programada outra mostra pictórica colectiva con creacións, entre outros, do grupo de artistas existente na parroquia de Lamas.

Aneiros mergúllase ata o fondo da memoria para rescatar os pousos que vai deixando a vida nela. Soños, lírica e protagonismo repartido entre palabra -que reforza o obxectivo último de la obra- a cor e o xesto. Un traballo humanista que retrata o lugar do ser humano no que nacen as paixóns, a intensidade e a loucura, con constantes referenzas á mitoloxía grega.

Trátase dunha mostra de pintura “que non fala pero que dí do falado”, como sinala a propia autora, para incidir no feito de que da vida e dos recordos “o que quedan son os restos, os despoxos da experiencia”. Retratos da memoria nos que bate e rebota coma un eco a experiencia de quen os contempla, dándolle total liberdade para interpretar o que está vendo.

“Ecos sin sombra” pode visitarse ata o 30 de abril en horario de 8.30 a 14.30h. de luns a venres e de 9.30 a 13h. os sábados na galería do primeiro andar do pazo municipal. O espazo xa está consolidado como referente expositivo. Desde xullo do ano pasado leva acollidas 9 mostras de pintura, fotografía e audiovisual e para o mes que vén xa hai programada outra.

En maio poderemos asistir a unha nova exposición pictórica con obras realizadas por 26 alumnos e alumnas que acoden a diferentes obradoiros de pintura impartidos en varios puntos da comarca, incluída a parroquia de Lamas, onde existe un grupo de persoas afeccionadas á pintura que dará conta nesta mostra da capacidade técnica e artística alcanzada nos últimos anos.

A exposición colectiva abrirá ao público o 5 de maio e estará composta por óleos sobre lenzo -denomínase “Tutti frutti ao óleo”- saídas do estilo e da imaxinación de persoas de distintas idades que teñen a pintura como pasatempo. Son cadros figurativos, realistas, hiperrealistas e abstractos nos que atoparemos de todo: paisaxes, bodegóns, retratos, etc.

13 de abril de 2015 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.