Ourense solicita á Xunta a declaración dunha nova área de rehabilitación integral
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense acordou na súa xuntanza desta mañá solicitar á Dirección Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo a declaración dunha nova Área de Rehabilitación Integral na cidade, que inclúa os barrios de Serra San Mamede – Cruceiro Quebrado – Inmaculada, de acordo co novo Plan Estatal de Vivenda, e á nova convocatoria realizada este ano pola Xunta de Galicia para estas áreas.
A declaración desta nova área de rehabilitación permitiría que propietarios/as de vivendas poidan acceder a axudas para financiar actuacións de rehabilitacións de edificios e vivendas, e ao propio Concello para acometer proxectos de urbanización ou reurbanización para a posta en valor da zona, seguindo a liña de actuación que se segue na actualidade nas outras 3 áreas de rehabilitación integral xa declaradas no Concello de Ourense: Casco Vello, Seixalbo e Polvorín – Camelias – A Carballeira
O espazo incluído nesta área de rehabilitación ten unha superficie aproximada dunhas 24,88 hectáreas e unhas 2.002 vivendas. Atópase no sureste da cidade, localízase en torno á estación de San Francisco e recolle un amplo espazo, estruturado sobre uns eixes principais que configuran a vía de ferrocarril, a estrada da Granxa e a rúa San Mamede. Na parte sur integra o barrio de Cruceiro Quebrado.
O Concello de Ourense reitera así a solicitude á Xunta de Galicia para a declaración desta área de rehabilitación, neste caso cunha memoria adaptada ao establecido no novo Plan Estatal de Vivenda e á nova orde, aprobada o 9 de marzo deste ano, pola Xunta de Galicia, que establece as bases reguladoras do Programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016.
Esta orde admite a presentación de propostas de concellos que inclúan áreas de rehabilitación xa declaradas como tamén solicitudes de declaración de novas áreas de rehabilitación. O Concello concurirrá a esta convocatoria para a anualidade número 14 da área de rehabilitación do Casco Vello, a número 9 de Seixalbo, a 3 de O Polvorín-As Camelias-A Carballeira e á número 1 de San Mamede.
A declaración desta área de rehabilitación permitiría acollerse aos programas de financiamento de actuacións de rexeneración e renovación urbanas previstos no Real Decreto 233/2013 de 5 de abril, no Decreto da Xunta 18/2014 de 13 de febreiro e na Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia de 9 de marzo de 2015, de conformidade co convenio de colaboración para a execución do Plan Estatal de fomento do aluguer de vivendas, e rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016 asinado o 5 de setembro de 2014 entre o Goberno de España (Ministerio de Fomento) e a comunidade autónoma de Galicia.











