Ourense chega a un acordo coa empresa que xestiona a apertura do claustro de San Francisco e o centro cultural Ángel Valente
Con motivo das boas previsións de afluencia de turistas na nosa cidade ao longo da presente Semana Santa, sumado á intención de por a disposición de tódolos ourensáns e dar a coñecer a nosa riqueza cultural aos nosos visitantes, o Concello manterá aberto os próximos días tres espazos culturais da cidade: claustro de San Francisco, o centro cultural Ángel Valente e o Centro de Interpretación das Burgas.
Os horarios para os próximos días son os seguintes:
Claustro de San Francisco: de xoves a sábado de 11:30 a 13:30 e de 17 a 20 horas, e domingo de 11:30 a 13:30 horas.
Centro Cultural Ángel Valente: de xoves a sábado de 11 a 13:30 e de 18 a 21:30 horas, e domingo de 11 a 13:30 horas.
Centro de Interpretación das Burgas: de xoves a sábado de 10 a 13 e de 17 a 20 horas, e domingo de 10 a 13 horas.
O claustro gótico de San Francisco é un dos claustros franciscanos de transición entre os estilos románico e gótico mellor conservado de Galicia. Son destacables tanto a súa arquitectura como a escultura. O claustro é a peza máis antiga do convento, pertencente ao período de 1325 e 1350. Presenta unha planta irregular, con tres series de arcadas lixeiramente apuntadas con columnas dobres por un lado sobre unha base de fábrica. Desde a súa reapertura en xuño de 2013, ten recibido visitas de grupos organizados, excursións, programas escolares, asi como outras actividades como actuacións musicais, danza, esgrima, ou máis recentemente unha cata de viños.
O Centro Cultural Ángel Valente acolle desde a súa reapertura en xuño de 2013 numerosas actividades de distintos ámbitos, como encontros termais, xornadas de traballo sobre novas tecnoloxías, celebración de foros e conferencias, actuacións da banda municipal de música e outros actos públicos. Actualmente, acolle a exposición “Ourense imaxinado”, un percorrido por unha cidade imaxinada, inexistente pero recoñecible, a través de dez proxectos non realizados ao longo dun século (1913/2013).
O Centro de Interpretación das Burgas é un espazo para a investigación e divulgación do patrimonio arqueolóxico-termal que permite ao visitante facerse cunha concepción global do termalismo mediante ferramentas e propostas audiovisuais interactivas, afondando na historia e cultura da nosa cidade. A visita complétase coas pezas distribuidas no bulevar peonil que atravesa a explanada, conectando a rúa das Burgas coa do Baño. O Centro de Interpretación, con entrada pola rúa do Vilar (aínda que tamén accesible desde o bulevar), conta con 5 salas expositivas, unha de lectura e dous de audiovisuais que convidan aos visitantes a coñecer mellor o máximo patrimonio da cidade, as súas augas termais.











