Os traballadores de Alcoa retoman as mobilizacións na Coruña
Máis dun centenar de traballadores da fábrica de Alcoa na Coruña retomaron este xoves as mobilizacións en demanda dun marco enerxético “estable” e para reclamar tamén á empresa “un proxecto industrial”. A concentración, con corte de tráfico á altura da Delegación do Goberno en Galicia, ante a que se convocou a protesta, forma parte do calendario de mobilizacións que os empregados da factoría coruñesa manteñen para esixir ao Goberno un cambio na política en materia enerxética.
Sobre a poxa que garantiu a continuidade da fábrica, o presidente do comité de empresa, Juan Carlos López, manifestou que supuxo “un balón de osíxeno”, pero advertiu de que seguirán mobilizándose “ata que haxa un marco enerxético estable”.
“Non pedimos nada exclusivo para Alcoa”, indicou, ao remarcar que as súas demandas afectan tamén aos consumidores e á industria en xeral.
“NOVO ENFOQUE”
Así, sinalou que, coas súas protestas, pretenden reclamar ao Goberno “que asuma dunha vez por todas un novo enfoque” e engadiu que así trasladaranllo na reunión convocada para este xoves ao delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva.
Por outra banda, reclamou a empresa “un proxecto industrial” para a factoría coruñesa. “Fai anos que non realiza ningunha inversión”, censurou o presidente do comité de empresa, quen lle instou a clarificar “cál é a súa aposta” por este centro de traballo.











