Os sindicatos de Citroën ven positiva a alianza con General Motors
Os representantes sindicais da fábrica viguesa de PSA Peugeot Citroën cualificaron como “positiva” a alianza do grupo con General Motors para a construción, en Balaídos, da nova xeración de furgonetas lixeiras (proxecto k9). En declaracións, o voceiro de CC.OO., Pedro Comesaña, sinalou que este acordo, que supón que Vigo montará as novas Berlingo, Partner e Opel/Vauxhall Cambo, é “unha excelente noticia”, porque permitirá que a planta teña unha “produción máis robusta”.
Comesaña sinalou que a fábrica viguesa “fai tempo que se está a preparar” para este proxecto, no marco das actuacións consideradas no seu plan estratéxico industrial, aínda que advertiu de que a alianza con General Motors e a construción das novas furgonetas dá “relativa tranquilidade” ao equipo, xa que “é necesario outro modelo” para garantir a estabilidade na fábrica de PSA.
Pola súa parte, o voceiro da CUT, Vítor Mariño, indicou que o proxecto do consorcio PSA-GM é “positivo” e, con respecto ao equipo, sinalou que non habería cambios substanciais e que, aínda que a dirección da factoría é remisa a confirmalo, “parece evidente que algúns técnicos de Opel se desprazarían a Vigo” porque “cada marca ten as súas esixencias e estándares de calidade, e as súas estratexias de comercialización”.
PRODUCIÓN E EMPREGO
O responsable de UGT na fábrica, Rubén Pérez, subliñou que o acordo coa corporación GM supón para Vigo “afianzar a súa capacidade de produción”, e mostrou a súa esperanza de que as previsións de producir 200.000 das novas furgonetas ao ano “poden incrementarse”, a pesar de que os modelos de Opel poden rivalizar coas marcas Berlingo e Partner.
Nesa liña, indicou que a alianza pode axudar a PSA a “atopar novas oportunidades en mercados onde agora non está”, e todo iso “pode ter un efecto arrastre que repercuta na creación de emprego a medio ou longo prazo”.
As novas furgonetas empezarán a fabricarse en Vigo a partir de 2018, segundo as previsións de PSA e de GM, por iso os sindicatos advirten de que, ata entón, á planta de Balaídos “lle espera unha longa travesía” no deserto”.
Este acordo forma parte dunha alianza maior, que comprende outros dous proxectos: a fabricación de monovolumes do grupo francés na planta de Opel en Figueruelas (C3 e Picasso), e os crossover de Opel na fábrica de PSA en Sochoux (Francia).











