Os nenos potencian as súas competencias tecnolóxicas no Centro Comercial Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Centro Comercial Arousa desenvolverá mañá xoves, de 17:30 h. a 20:00 h, na primeira planta, a segunda e última sesión de Robótica creativa, un taller orientado a potenciar as competencias tecnolóxicas e a promover a innovación entre os nenos de 6 a 12 anos, favorecendo a súa curiosidade natural, a habilidade para resolver problemas, o pensamento ordenado e o traballo en equipo.

O curso achegaraos á ciencia a través da creación de pequenos xoguetes robóticos móbiles que lles axudarán a comprender o comportamento da electricidade e a descubrir e asimilar os principais fenómenos eléctricos. Así, experimentando e xogando con diferentes materiais reciclados como madeiras, cartóns ou plástico e con baterías, pilas ou motores comprobarán que hai elementos que, dependendo da súa composición química, deixan pasar a electricidade facilmente (condutores) e outros que non (illantes), ou por que as cargas opostas se atraen e as de igual polaridad repélense, entre outros conceptos.

Durante dúas horas e media e guiados por monitores expertos con formación técnica de Robotilab, os nenos iniciaranse na robótica, non como meros usuarios, senón como creadores e co obxectivo de desenvolver as súas capacidades científico- tecnolóxicas, permitíndolles entender o funcionamento dos aparellos eléctricos e absorber conceptos complexos de forma sinxela.

Trátase dun novo concepto de formación, que conxuga o lecer de base tecnolóxica e que reforza as habilidades persoais dos nenos, a súa autoestima e motivación, ademais do traballo en equipo. Mediante o método científico de ensaio e erro e como parte do entretemento, os nenos afanse a aprender por si mesmos, a equivocarse, a trazar estratexias para resolver conflitos e a perder o medo a enfrontarse a novos retos.

29 de abril de 2015 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.