publicidade hoxe

Os nenos do colexio de San Sadurniño homenaxean os libros cun maratón de lectura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

 Nos tempos que corren, con tanto móbil, tanta tablet, tanto internet, tantas canles temáticas e tanto de todo ao alcance dun simple arrastre do dedo índice… ler un libro está lonxe de ser un acto de romanticismo ou de militancia. As estatísticas falan de que o 63% da poboación estatal ten o hábito da lectura, xa sexa en libros convencionais ou electrónicos, que pouco a pouco van ganando terreo pola comodidade de uso e tamén pola “facilidade” para enchelos gratis de contido. Pero hai unha cifra que destaca entre todas: case o 85% da poboación entre 10 e 13 anos lé no seu tempo libre e é maioría a parte que o fai todos os días. E niso ten moito que ver o labor dos colexios e das bibliotecas públicas. Exemplo de promoción é o programa “Ler conta moito” -promovido pola Xunta- que desde hai varios días se desenvolve en San Sadurniño coa colaboración da Biblioteca Municipal e do centro de ensino.

Primeiro foron obradoiros de ciencia, onte tocoulle á ilustración da man de Óscar Villán e hoxe, Día Internacional do Libro e dos Dereitos de autoría, os nenos e nenas do colexio levan toda a mañá lendo en voz alta na Casa da Cultura. Poesía, contos, narrativa… todos os xéneros teñen cabida neste maratón de lectura iniciado a primeira hora da mañá e no que participa o alumnado desde 1º ata 6º de primaria.

Os pequenos van subindo ao escenario por cursos e fragmentan as pasaxes literarias con intervencións breves, convertendo a lectura nun mosaico sonoro e nun encontro colectivo co saber e coa maxia que gardan os libros. A cousa non queda na Casa da Cultura, senón que as palabras voan ao exterior cun pequeno altofalante que permite escoitar a suavidade e a musicalidade das voces infantís en toda a praza do antigo Concello.

Mañá a Biblioteca volverá ser escenario dunha actividade arredor dos libros como principais vehículos da cultura e do descubrimento do mundo para os nenos e nenas. A rapazada de 1º, 2º e 3º de educación primaria escoitará alí as narracións de “A orixe”. Unha exploradora -Raquel Queizás- chegará á biblioteca co afán de compartir as narracións escoitadas nas súas expedicións polo mundo, dramatizando lendas, contos e mitos coa axuda de pequenos tesouros recollidos nas súas viaxes.

23 de abril de 2015 | 13:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.