Os feirantes xa poden tramitar a instalación de postos para as festas de Santa Rita

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Concello abriu esta semana o prazo para que os feirantes que desexen acudir ás festas de Santa Rita poidan tramitar xa a reserva de espazo para colocar as atraccións e postos de venta. Os formularios pódense imprimir da web municipal e débense presentar no Rexistro xunto coa documentación que se especifica neles. As taxas a aplicar están reguladas na Ordenanza Fiscal II 12.

O Concello habilitou como temporada festiva de Santa Rita a efectos da instalación das atraccións, o período comprendido entre o 15 e o 26 de maio, xa que tamén se inclúe a celebración do 17 de maio, Día das Letras Galegas. Os buhoneiros poden optar por solicitar a instalación dos seus postos por todo ou parte do período sinalado. As taxas a aplicar pola ocupación e aproveitamento da vía pública recóllense na Ordenanza fiscal Nº II 12.

O Concello encárgase directamente d a xestión da ocupación do solo público durante as festas dende o ano 2013 e co obxectivo de mellorar a ordenación e control dos postos, garantir a seguridade e evitar a competencia desleal. O modelo de xestión posto en práctica o pasado ano, e que é similar ao que se realiza en cidades como Santiago ou Pontevedra.

Os feirantes poden imprimir a solicitudes no taboleiro de anuncios da web municipal. Hai un formulario específico para atraccións ou carruseis e outro para os postos de venta de todo tipo e en cada un deles especifícase a documentación que deben presentar xunto coa solicitude ao presentala no Rexistro Xeral do Concello.

Aparte da documentación común a aportar por uns e outros (datos persoais e DNI do titular, recibo de autónomos, certificado do IAE, boletín de instalación eléctrica e certificado de revisión de extintores), os responsables das atraccións deben achegar copia da póliza do seguro de Responsabilidade Civil cunha cobertura mínima de 300.000 euros e o certificado de revisión anual da tracción, visado polo colexio oficial correspondente.
Os postos de venta deben contar cunha póliza de seguro dunha cobertura mínima de 150.000 euros e, no caso de tratarse de establecementos de venta de alimentos e comidas, tamén io carné de manipulador de alimentos.

Este ano engádese entre a documentación a presentar un xustificante de non ter contraídas débedas co Concello de Vilagarcía, que poden solicitar previamente no departamento de Recadación.

A documentación será revisada polo Servizo Municipal de Emerxencias para comprobar que non falta nada e que os seguros e certificados están en vigor e, en función dos metros ou módulos sinalados na solicitude, realizarase o reparto e distribución de espazos, As atraccións irán como sempre la explanada TIR e os postos no Parque Miguel Hernández e zona da Baldosa.

En Santa Rita tamén se colocan postos de venta no contorno do Convento de Vista Alegre e a Praza de Abastos (pulpeiras, vendedores de velas, rosquillas…) Estas solicitudes serán tramitadas a través do encargado do Mercado Público.

O prazo de presentación para as atraccións de feira remata o 13 de maio e para os postos de venta o 14.

16 de abril de 2015 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.