Os cativos de 8 a 14 anos aprenderán as bases da linguaxe fotográfica e a narración visual nun obradoiro baseado na Esmorga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Coa intención de desenvolver unha actitude curiosa e lúdica cara ao mundo da fotografía e aprender a falar con imaxes, a Concellería de Educación organiza un obradoiro para nenos e nenas, denominado “Coñece Ourense a través da Esmorga”. Tratase de oito sesións de dúas horas e media teóricas e tres horas prácticas, nas que nenos e nenas de 8 a 14 anos se internarán no mundo da fotografía aprendendo as bases da linguaxe fotográfica e da narración visual.

O obradoiro servirá de reflexión sobre a imaxe, e como comunicar diferentes ideas a través dela, facendo especial fincapé na cidade de Ourense e no relato da novela “A Esmorga”. Será impartido por Cristina Blanco e María Cerro, as dúas con experiencia traballando cos nenos e as nenas, en campos relacionados coa fotografía e as técnicas dixitais.

Terá lugar os sábados a partir do 11 de abril, en horario de 11 a 13:30 h -ata as 14 horas as sesións prácticas-. Ao final do obradoiro, os coñecementos adquiridos reflexaranse nunha exposición no Museo Municipal, resultante das fotografías tomadas.

Os obxectivos concretos da actividade son as seguintes:

– Coñecer os conceptos básicos da linguaxe fotográfica e a narración visual: encadre, exposición, profundidade de campo, etc.
– Aprender a mirar e ver, descubrindo que a mirada é un instrumento para contar historias.
– Enriquecer as posibilidades creativas.
– Lograr que os e as participantes interioricen e xeren conciencia sobre valores como respecto, responsabilidade e tolerancia empregando a fotografía como ferramenta.
– Relación co ámbito e a historia da Esmorga desde o punto de vista dun neno ou unha nena, mirando a cidade con saídas ao redor do roteiro literario da obra.

Inscrición ata o 10 de abril

Para participar, non é necesario ter coñecementos previos de fotografía, soamente é necesario ter unha cámara dixital ou un móbil con cámara. A inscrición pode formalizarse na Concellería de Educación, de 9 a 14 horas ata este venres, 10 de abril, ou a través dos emails educa.programas2@ourense.es.

6 de abril de 2015 | 13:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.