Os Bolechas incian a súa xira ourensá

Os Bolechas nunha das visitas
Os Bolechas inician este sábado, 11 de abril, a súa xira pola provincia de Ourense. A popular familia percorrerá nove vilas ourensás coa súa Caravana, na que non faltarán o vistoso R4 e o espectacular autobús de dous pisos cheo de xogos e actividades para toda a familia: talleres de debuxo e chapas, karaoke, ludoteca, aula de informática, xogos interactivos karaoke, animación e ata cine.
Esta iniciativa de dinamización infantil, promovida pola Deputación de Ourense, pretende dar a coñecer entre os máis novos a riqueza natural, patrimonial e cultural que ofrece a súa provincia. Por iso, todas as nenas e nenos que se acheguen á Caravana Bolechas levarán de forma totalmente gratuíta o libro Os Bolechas van a Ourense.
Ademais, poderán participar nos sorteos que terán lugar diariamente ao rematar a xornada en cada localidade e levar fantásticos agasallos dos Bolechas, desde libros-CD ata cursos de inglés dos Bolechas One2Three. E, por suposto, non faltarán os Bolechas corpóreos, que visitarán todas as vilas de 17:00 a 20:00 horas, malia que a Caravana Bolechas chegará ás vilas ás 12:30 h e estará aberta ata as 20:30 h –cunha parada entre as 14:30 e 16:30 h–.
Calendario da xira
A xira empeza este sábado, 11 de abril, no Barco de Valdeorras; a Caravana estará instalada na praza do Concello. O domingo 12 abrirá as súas portas na praza de Abastos da Pobra de Trives, o luns 13 na praza García Barbón de Verín, o martes 14 na praza Carlos Casares de Xinzo de Limia e o mércores 15 na praza da Constitución de Bande. O xoves 16 a Caravana Bolechas recalará en Celanova, o venres 17 na praza Maior de Ourense, o sábado 18 no Carballiño –tamén na praza Maior–, e o domingo 19 de abril remata a xira nos Jardinillos de Ribadavia.
En todas as comarcas, as nenas e nenos que se acheguen á caravana Bolechas levarán gratis o conto Os Bolechas van a Ourense e poderán gozar de multitude de propostas totalmente gratuítas, desde obradoiros de debuxo ata ludoteca con xogos para divertirse e aprender cos Bolechas, así como material para manualidades, libros e ordenadores onde acceder a xogos e actividades. Tamén estará dispoñible o karaoke e a sala de cine do autobús, dotada con todo o necesario para ver Os Bolechas.
Todas as datas, actividades e sorteos poden consultarse nunha páxima web específica desta xira: www.osbolechas.com/vanaourense, así como na web dos Bolechas e nos perfís que teñen nas redes sociais (Facebook e Twitter).
Promoción da provincia
Esta xira forma parte dunha iniciativa de promoción infantil da provincia de Ourense presentada o 29 de marzo polo presidente da Deputación no concello de Esgos, ata onde se achegaron os propios Bolechas co seu espectacular autobús de dúas plantas. Alí presentouse tamén outra proposta desta iniciativa, a edición do libro que levarán todos os que se acheguen estes días á Caravana Bolechas.
O conto Os Bolechas van a Ourense narra as aventuras dos irmáns no aniversario da súa curmá, Ying, que celebran en Manzaneda. Cando están todos na mesa para soprar as candeas, Ying recorda que ten moitas amigas e amigos ourensáns e quere que estean na súa festa, así que marcha a buscalos nun microbús co que percorre toda a provincia recollendo os amigos, que a agasallan con produtos típicos das súas zonas. A festa de aniversario de Ying vai ser suculenta.
Os seis irmáns, xunto con Chispa no seu novo camión de bombeiros, percorrerán toda a provincia ourensá contándolles aos máis cativos o moito que gozan das marabillas que esta ofrece esta fermosísima terra.











