Os alumnos do CPI Santa Lucía de Moraña farán mañá o roteiro Castelao
Un grupo de 65 alumnos/as de 2 e 3º curso de ESO do ICPI Santa Lucía (Moraña) fará mañá venres, día 17 de abril, o roteiro Castelao polas rúas da zona histórica de Pontevedra. A saída está prevista para as 16 horas desde a praza da Ferraría. A actividade inclúe unha visita á Sala Castelao do Museo de Pontevedra e ao edificio modernista da Fundación Caixa Galicia, onde se situaba o Café Moderno.
O Concello de Pontevedra segue a ofrecer estas visitas guiadas pola Pontevedra máis vencellada a Castelao, co obxecto de ligar o uso da lingua galega aos espazos urbanos da cidade, recuperar e difundir a memoria histórica inserida no contorno xeral da historia de Galicia e dinamizar os usos orais da lingua galega no ámbito urbano.
Por mor da climatoloxía adversa, ou por outras circunstancias, esta visita podería sufrir modificacións. De ser así, procuraremos mantelos informados.











