Os alcaldes da comarca subscriben en Carballo un manifesto para apoiar aos produtores de leite

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCarballoLocal Portada
A-
A+
Reunión dos alcaldes en Carballo

Reunión dos alcaldes en Carballo

A Casa do Concello de Carballo vén de acoller unha xuntanza á que estaban convocados, a petición das principais organizacións profesionais agrarias, Asaja Galicia, Sindicato Labrego Galego (SLG) e Unións Agrarias (UUAA), representantes das corporacións de Bergantiños, Terra de Soneira, Xallas e A Barcala. Durante a reunión, pedíuselles que apoiasen un manifesto de denuncia contra as imposicións das industrias aos produtores de leite en Galicia e no que se solicita que a administración, nomeadamente a Xunta de Galicia, pero tamén o Ministerio de Agricultura, poñan en marcha medidas para frear a situación do sector, que os sindicatos cualifican de “ruinosa”, “desesperada” e “inxusta”.

Entre as súas principais demandas está a de evitar a situación actual dos contratos, con prezos á baixa que poden chegar ata os 21 ou 22 céntimos e que, en verbas da secretaria do SLG, “son os máis baixos da Unión Europea”. Tamén solicitan que se reforce o poder negociador das produtoras, que nestes momentos sofren “contratos leoninos baixo a ameaza de deixarlle o leite sen recoller”, ou que se garanta a recollida en todas as granxas. Así mesmo, piden medidas para que as granxas reduzan os custes de produción e melloren a súa renda e que se unifiquen criterios para o sector dende a administración.

Representantes de once concellos da comarca de todas as cores políticas con representación nas corporacións asistiron á xuntanza, e os sindicatos afirman que contan co apoio doutras corporación que non puideron enviar aos seus representantes. Os sindicatons teñen previsto remitir o manifesto asinado aos responsables da Xunta de Galicia o antes posible. Recolléronse as sinaturas de Evencio Ferrero, Alcalde de Carballo; Félix Porto, Alcalde de Muxía; José Manuel López Varela, Alcalde da Laracha; Antón Carracedo, Alcalde de Laxe; José Muíño, Alcalde de Cabana; Eduardo Parga Veiga, Alcalde de Malpica; Manuel Antelo, Alcalde de Vimianzo; Manuel Muíño, Alcalde de Zas; Manuel Rodríquez Caamaño, tenente de Alcalde de Mazaricos; Juan García Velo, tenente de Alcalde de Coristanco; José Antonio Casais, tenente de Alcalde de Dumbría; Alfredo Cañizo, Concelleiro de Medio Rural de Malpica; Rogelio Pereira, voceiro do PSOE de Malpica; Eladio Verdía, concelleiro do PSOE da Laracha; e Xoán Manuel Sande Muñiz, voceiro do BNG da Laracha.

Precisamente José Manuel López Varela, Alcalde da Laracha, manifestou que vai solicitar unha xuntanza urxente con representantes da Consellería de Medio Rural e do Mar para que se convoque o antes posible unha xuntanza da Mesa do Leite. Os sindicatos, representados pola Secretaria Xeral do SLG, Isabel Vilalba, o Secretario Xeral de UUAA, Roberto García, e o representante na Coruña de Asaja, Juan García, non descartan endurecer as medidas de protesta de non chegarse a unha negociación que permita mudar a situación actual.

27 de abril de 2015 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.