Once equipos de fútbol feminino do sur da provincia disputarán a Copa Deputación de Pontevedra
Once equipos de fútbol feminino da área sur da provincia de Pontevedra disputarán, a partir da próxima semana, a Copa Deputación, que este ano incluirá unha final inédita entre os gañadores das áreas norte e sur, para coroar desta forma a un dos conxuntos como o líder provincial feminino, do mesmo xeito que ocorre habitualmente coa categoría masculina.
O sorteo que decidiu os emparellamentos tivo lugar na noite do martes na sede viguesa da Deputación, en presenza dos representantes dos clubs, a delegación viguesa da Federación Galega de Fútbol e a deputada de Deportes, Begoña Estévez.
Estévez confirmou a disputa da mencionada final provincial e asegurou que a data, aínda por pechar definitivamente, será arredor do 20 de xuño, nun campo que se decidirá por acordo de todas as partes.
Os emparellamentos sorteados uniron nas primeiras eliminatorias o Vila de Corpus e o Lavadores, e o vencedor deste choque co Sárdoma; tamén o Rácing Vilariño e o San Miguel, cun vencedor que se medirá ó Erizana; igualmente, o Concello de Mos e a Alerta Navia, de onde sairá o rival que dirimirá o seu pase á seguinte fase fronte a El Olivo; e por último o Tomiño, fronte ó Atlántida de Matamá.
A Copa Deputación repartirá este ano 20.000 euros en premios entre todos os participantes, que cobrarán máis en función do seu avance na clasificación, pero que, polo mero feito de participar, terán recompensa.
As eliminatorias desenvolveranse durante os meses de abril e maio, con partidos que se disputarán entre semana para non interferir nos calendarios habituais dos clubs; as finais terán lugar en xuño.
Durante a reunión na sede viguesa da Deputación, a federación e a institución provincial explicaron tamén o próximo desenvolvemento do torneo de fútbol base, no que se espera unha participación masiva dos clubs da área sur da provincia, coa intervención de miles de mozos.











