Once accións formativas na aula CeMIT para o mes de maio
Durante o mes de maio, a aula Multimedia do Concello de Verín ofertará once accións formativas para os/as usuarios/as interesados en ampliar os seus coñecementos no sector da comunicación e novas tecnoloxías. Os cursos que terán lugar son: Renda 2014.Administración electrónica, redes sociais (Facebook e outras redes), folla de cálculo en Google Docs e Libre Office Cal, iniciación á informática e presentacións gráficas en Libre Office Impress. Os mesmos serven de continuación aos realizados no pasado mes que foron de ferramentas na nube, iniciación á informática, busca de información na Internet, correo electrónico, administración electrónica ou preparación CODIX.
Por outra banda, tamén se ofertarán a través de videoconferencia os seminarios “Tendencias Lean Kanban para a mellora da xestión de proxectos e servizos IT” (05 de maio, de 9.30 a 13.30 horas) e “ Desenvolvemento de APIs para aplicacións en PHP” (07 de maio, de 16.30 a 20 horas).
Ademais, e en colaboración coa Escola de Familia Municipal, tamén se desenvolverá o proxecto infantil ‘Kero-Informátika’, destinado a menores con idades comprendidas entre os 4 e os 10 anos, no que comezarán a familiarizarse cos recursos educativos que ofrece o mundo virtual (estas clases terán lugar os martes de 17.15 a 18 horas -grupo de nenos/as entre 4 e 6 anos- e de 18.15 a 19 horas -menores con idades comprendidas entre os de 6 a 10 anos-, mentres que para os/as menores do Kero-Kedar e Kero-Kedar + serán o último mércores do mes de 17 a 19 horas).
O obxectivo da Rede CeMIT é o de vertebrar territorial e socialmente Galicia, en especial onde a fenda dixital se fai máis evidente, impulsando, potenciando e difundo os coñecementos nas tecnoloxías da información e a comunicación da cidadanía galega. Todas as persoas interesadas en participar nestes cursos e seminarios deben realizar a súa inscrición na Aula CeMIT de Verín ou tamén na web da Rede CeMIT. Para máis información dirixirse a Aula CeMIT do Concello de Verín, situada na Avenida de Portugal, nº 11, andar 1- porta 11 ou no correo electrónicos: cemit.verin@xunta.es.











