publicidade hoxe

Oleiros financia a terapia psicolóxica de 33 nenos de Gaza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

O Concello de Oleiros financia a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade á Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina para o seu programa de atención psicosocial, como xa fixera en 2014. Estímase que esta doazón podería financiar o tratamento psicolóxico de 33 nenas e nenos durante un ano, alén de apoiar terapias grupais e outro tipo de actividades sobre saúde mental comunitaria.

Hiperactividade, déficit de atención, impulsividade e condutas antisociais son algúns dos problemas máis comúns detectados entre a poboación infantil que durante 50 días sufriu ataques continuados, mesmo ás escolas da ONU, sen que a comunidade internacional reaccionara. A perda de familiares e a destrución dos seus fogares, engadidas ao xa habitual contexto de violencia, xerou nas nenas e nenos comportamentos coma un incremento da agresividade, pesadelos, problemas de alimentación e aprendizaxe, sensación de inseguridade, desconfianza, non xogar ou obsesionarse con xogos de guerra, illarse das persoas adultas ou aferrarse a elas. Uns traumas que resulta fundamental tratar a través de xogos terapéuticos, terapias de relaxación, meditación, expresión artística ou contacontos.

A exposición aos bombardeos, sumada ao desemprego, á pobreza, e ás restricións impostas polo bloqueo de Israel, predispoñen á poboación de Gaza á ansiedade, á depresión e ás desordes no comportamento. O chamamento de urxencia que vén de realizar a UNRWA atende tamén outras necesidades básicas en materia de saúde, educación ou alimentación nos oito campamentos da franxa. A axencia atende asemade outros 50 campos con poboación palestina, ata sumar máis de cinco millóns de persoas refuxiadas. Entre eles o de Yarmouk, en Siria, que xa viña padecendo desde hai dous anos o asedio das tropas gobernamentais pero que se acha nunha situación crítica tras ser invadido a comezos de abril polo Estado Islámico, deixando atrapadas unhas 18.000 persoas e impedindo o acceso de axuda humanitaria.

Só uns poucos centos de familias conseguiron fuxir de Yarmouk, a zonas adxacentes nas que a UNRWA está ampliando as súas operacións. Detectouse unha absoluta carencia de comida, auga e vivenda, pero tamén de artigos de hixiene, de abrigo e de medicinas. A axencia reclama a apertura dun corredor humanitario e nos vindeiros días realizará un chamamento extraordinario para responder ás necesidades da poboación civil na zona.

20 de abril de 2015 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.