Obradoiro “Rugby-regueifas”
Mañá sábado día 25 de abril realizarase o obradoiro “Rugby-regueifas”, inserido na campaña O Salmón Oval que organiza a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra para impulsar o uso do galego no mundo do rugby e sensibilizar os equipos e seareiros de Pontevedra sobre a importancia e as vantaxes de usaren a nosa lingua tamén no eido do deporte.
Este obradoiro está dirixido a seareiros/as dos equipos de rugby para animar no terceiro tempo. Impartirán o curso os grandes regueifeiros Pinto d’Herbón e Luís o Caruncho, os que ensinarán ás persoas participantes outro tipo de cancións e rimas para animar durante os partidos.
A campaña O Salmón Oval ten como fin promover o uso do galego no deporte do rugby. Artéllase arredor de dúas liñas de acción: os obradoiros, dirixidos a promover o uso do galego entre os seareiros do rugby e a revista O Salmón Oval, a primeira sobre rugby editada en galego. Con esta iniciativa búscase explorar e aproveitar as posibilidades que ofrece o mundo do rugby en Pontevedra, onde o número de fichas por habitante é a máis alta do país.
Malia que o galego está presente nos usos orais de moitos adestradores, árbitros, xogadores e xogadoras dos equipos de rugby galegos, non hai presenza do galego nos contextos formais arredor deste deporte e, por outra banda, nunha cidade como Pontevedra, a presión do castelán fai necesario reforzar e impulsar o uso do galego. Segundo a última enquisa do Instituto Galego de Estatística, nas cidades de máis de 50.000 habitantes só o 24,37% das persoas de idade comprendida entre os 15 e os 29 anos empregan falan maioritariamente en galego e o 25,7% non o fala nunca.
A revista O Salmón Oval é un medio para axudar a difundir o uso da lingua galega nos usos máis formais ligados ao deporte do rugby. Constará de tres exemplares, cada un deles estará enfocado nun momento concreto da actualidade do rugby internacional. Está dirixida especialmente aos xogadores e ás xogadoras, adestradores, árbitros e seareiros en xeral. Conta con diferentes seccións que abranguen contidos centrados na historia do rugby, na actualidade dos equipos e das ligas tanto da galega como das ligas internacionais; ademais atenderá de xeito especial os dous equipos de rugby da cidade: o Mareantes e o Pontevedra. Outros aspectos transversais da publicación son promover o deporte e prácticas físicas saudables; incluír a mirada de xénero e o deporte feminino, xa que o rugby é un dos deportes onde máis axiña se integraron as mulleres; fomentar a lectura e a creación literaria e ampliar o coñecemento sobre a cultura galega en xeral e incidir no respecto ao medio natural e o coñecemento do territorio.











