O Xerente de Vigo garante que o novo hospital estará nas mesmas condicións para docencia en Medicina
O novo xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, Félix Rubial, congratulouse polo acordo “histórico” alcanzado entre as tres institucións académicas do Sistema Universitario de Galicia en relación ao grao en Medicina e garantiu que “dotacionalmente” o novo hospital da cidade permitirá facer unha docencia clínica “nas mesmas condicións que calquera hospital, ou mellores”.
No seu primeiro xantar informativo cos medios de comunicación dende o seu nomeamento como xerente, Rubial asegurou que o acordo sobre o grao – que seguirá sendo exclusivo da Universidade de Santiago aínda que contará con profesorado de Vigo e Coruña- é “de extraordinaria transcendencia” e dará “un valor moi importante” aos estudantes de medicina que residan na área de Vigo, aos profesionais e aos investigadores do Chuvi.
Nesta liña, fixo fincapé o novo hospital de Vigo “pola súa estrutura, pola súa dotación, espazos, aulas… permitirá facer unha docencia moito máis adaptada ás necesidades dos estudantes” e dar formación “con todas as garantías”. “Nese sentido ata nos coincide ben, teriamos moitas máis dificultades para facer esa formación coa actual estrutura”, apostilou.
Alourado, que destacou que no Chuvi hai un grupo de profesionais “competente, ben formado, motivado para trasladar os seus coñecementos”, eloxiou este novo acordo posto que, mantivo, “unha boa asistencia sempre vai a acompañada dunha boa investigación e dunha boa docencia”.
Sobre como se vai producir a integración dos profesionais no grao, dixo descoñecer o proceso e comentou que primeiro hai que ver cál é o contido do convenio”. “O que se asinou é un acordo entre partes que ten que materializarse nunha serie de aspectos que descoñezo”, recalcou o xerente, que engadiu que espera que se produza a sinatura definitiva para que no curso 2015-2016 se poida impartir docencia do grao de medicina en Vigo.
Cuestionado por posibles cambios no equipo, o xerente indicou que “a docencia clínica está íntima e indisolublemente ligada á práctica asistencial, polo tanto, é imprescindible que eses profesionais, ademais de ter a competencia e coñecementos necesarios” sigan facendo asistencia. “Os profesionais que necesitemos para esa asistencia serán os mesmos que efectuen a docencia”, concluíu.











