O Trofeo Turismo Rías Baixas abre a gran tempada de regatas en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaDeportes
A-
A+

O Monte Real Club de Iates abre a súa tempada de grandes regatas do 2015 coa celebración da súa xa tradicional Regata de Inverno, que este ano está patrocinada por Turismo Rías Baixas e desenvolverase en dúas etapas baixo o nome de Trofeo Turismo Rías Baixas.

A cita cos veleiros será os dous próximos sábados, 18 e 25 de abril, en augas da ría de Vigo e a bahía de Baiona. Na primeira xornada de probas, os barcos disputaranse a vitoria nun percorrido costeiro entre Vigo e Baiona, que dará comezo ás catro da tarde fronte ás instalacións do Real Club Náutico da cidade olívica e terá o seu punto de chegada na bahía baionesa. Será unha regata de travesía que todo aquel que o desexe poderá ver desde as praias da parroquia viguesa de Alcabre, a península de Monteferro (Nigrán) e o paseo de Monte Boi (Baiona).

No segundo e último día de competición, o sábado 25 de abril, as tripulacións participantes medirán as súas forzas en varios percorridos entre aboias situadas na bahía de Baiona, unhas probas técnicas que se celebrarán a partir das dúas da tarde. Ese mesmo día, ao finalizar a regata, terá lugar a entrega de premios aos gañadores nas instalacións do Monte Real Club de Iates.

A Regata de Inverno – Trofeo Turismo Rías Baixas é a primeira gran competición fixada no calendario do club baionés, que este ano celebra o seu cincuenta aniversario. A próxima cita coas regatas do Monte Real será os días 1, 2 e 3 de maio coa trixésimo oitava edición da Regata de Primavera – Trofeo Repsol.

14 de abril de 2015 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.