publicidade hoxe

O Trofeo Repsol de vela unirá Baiona e Sanxenxo na ponte do primeiro de maio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaDeportesDeportes PortadaSanxenxo
A-
A+
Presentación do Trofeo Repsol

Presentación do Trofeo Repsol

O Monte Real Club de Iates celebrará, durante a ponte do primeiro de maio, a súa tradicional regata de primavera, que neste 2015 cumpre a súa trixésimo oitava edición patrocinada por Repsol e contando, un ano máis, coa colaboración do Real Club Náutico de Sanxenxo e a mariña Nauta Sanxenxo.

O Trofeo Repsol disputarase durante os días 1, 2 e 3 de maio. As tripulacións participantes, chegadas de diferentes puntos de Galicia, Madrid e Portugal, deberán completar dúas regatas de travesía polas rías de Vigo e Pontevedra, e varias probas técnicas no fondeadeiro das Illas Cies.

Durante o festivo do primeiro de maio os barcos percorrerán a distancia que separa Baiona de Sanxenxo, e ao día seguinte, o trazado inverso. En ambas as xornadas a saída darase á unha da tarde, e o venres haberá unha entrega de premios aos gañadores de etapa no Real Club Náutico de Sanxenxo.

O domingo día 3, a vitoria do trofeo decidirase a partir do mediodía con varios percorridos entre aboias barlovento-sotavento, no fondeadeiro das Illas Cíes, e pola tarde, ás cinco,celebrarase a entrega de premios nas instalacións do Monte Real Club de Iates.

Todos aqueles que queiran seguir a navegación dos barcos que participan no Trofeo Repsol poderán facelo desde os arredores da bahía de Baiona, desde a Costa da Vela e Cabo Udra, na península do Morrazo, e desde as praias máis próximas a Sanxenxo.

A próxima competición do Monte Real será o Trofeo Baitra de Vela Infantil, para as clases de Optimist e Cadete, que se celebrará o fin de semana do 9 e 10 de maio.

Un especial recordo ao presidente Rafael Olmedo no 50 aniversario do club

A figura do recentemente falecido presidente do Monte Real Club de Iates, Don Rafael Olmedo, estivo moi presente na rolda de prensa de presentación do XXXVIII Trofeo Repsol, celebrada esta mañá nas instalacións do club baionés.

Tanto o Vicecomodoro do club, Alejandro Retolaza, como a Xefa de Mariña e Pesca de Repsol para o Sur de Galicia, Inés González Megido, e o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, tiveron cariñosas palabras de recordo para o que foi o máximo responsable do Monte Real durante máis de corenta anos.

Nas súas intervencións, as autoridades presentes destacaron tamén a importante actividade que está a realizar o club neste 2015, un ano no que se cumpre o cincuenta aniversario da súa creación, en 1965. Unha actividade que, ademais da organización de regatas, inclúe iniciativas para potenciar o turismo náutico en Galicia e achegar o mundo da vela a xente de todas as idades.

Á rolda de prensa de presentación do XXXVIII Trofeo Repsol tamén o Presidente da Federación Española de Vela, José Ángel Rodríguez; o Presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; e a Concelleira de Deportes do concello de Baiona, María Jesús Martíns.

29 de abril de 2015 | 11:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.