O traballo de colaboración entre as comunidades galegas en Venezuela e a Xunta permite paliar as situacións de precariedade entre os 46.900 galegos residentes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A Secretaría Xeral da Emigración, a través de distintas liñas e ordes públicas de subvencións, recoñece e apoia o labor asistencial e sociocultural que desenvolveron e desenvolven a decena de comunidades galegas presentes en Venezuela. Un labor, redobrado pola complicada situación que está a atravesar o país, que se fai máis necesario que nunca, e que realizan desde hai décadas de maneira altruísta.

Na intervención desta mañá en comisión parlamentaria, o secretario xeral da Emigración, Antonio  Rodríguez Miranda, recordou que, aparte dos acordos para apoiar directamente ese traballo no ámbito dos servizos sociais, Emigración apoia o desenvolvemento de accións que consolidan o papel desas comunidades como eixo catalizador de toda a Galeguidade no país. Así, e precisamente polo delicado do momento en Venezuela, as súas funcións e carteira de servizos alcanzan non só aos asociados directos, senón a toda a colectividade galega presente na República Bolivariana.

Miranda comezou enviando “un agarimoso saúdo a toda a colectividade galega en Venzuela que, como o resto dos seus veciños e veciñas, atravesan momentos de incerteza e dificultades”, momentos aos que o Goberno galego prestou e presta especial atención. De feito, o máximo responsable de Emigración lembrou que o mes pasado estivo in situ coñecendo a situación dos galegos alí, e a próxima semana volverá de novo a Caracas.

A Hermandad

No caso da capital, asemade, a ‘Hermandad Gallega de Venezuela’ en Caracas desenvolve tarefas de apoio para facilitar os requisitos administrativos ás persoas beneficiarias dos programas sociais de Emigración: ademais das axudas individuais, as de emerxencia social, e tamén os programas Conecta con Galicia, Reencontros na Casa, Reencontros na Terra, Escolas Abertas, Campamentos de Verán, obradoiros e seminarios, etc., que fan posible que moitos dos 46.000 galegos residentes en Venezuela vexan mellorada unha calidade de vida en ocasións precaria, e fortalezan a súa relación coa Galicia territorial.

Estas tarefas desenvólveas a Hermandad non só para os seus asociados, senón tamén noutras poboacións, da man das outras comunidades galegas presentes no país, con beneficio para calquera cidadán galego que, sen pertencer formalmente ás comunidades galegas, poda acollerse a estes programas, mercé ao carácter de centro colaborador que a Xunta lle ten concedido.

Así, de maneira complementaria, a Hermandad está a desenvolver labores de pescuda de galegas e galegos en situación de precariedade, tanto na capital coma noutras poboacións, tarefa que resultaría inviable sen a súa activa colaboración, e a decidida implicación das traballadoras e traballadores, e membros en xeral, da entidade, que a Xunta recoñece e valora.

O departamento que dirixe Rodríguez Miranda ten investido ao longo de 2014 –último exercicio orzamentario executado, sendo similar a previsión para 2015- en accións en Venezuela un total de 600.000 euros, entre axudas individuais, acordos para atención sociosanitaria con entidades que traballan neste eido, e diversos programas da Secretaría.

Desta maneira, ademais de axudar no coidado aos maiores galegos residentes en Venezuela, e froito da colaboración e o intenso labor das comunidades galegas a pé de campo, Emigración pode axudar ás galegas e galegos residentes en Venezuela con unidade familiar en situación de precariedade; con situación de dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar; con invalidez ou enfermidade permanente; sen cobertura abondo de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves; a mulleres que sofren violencia de xénero; e as situacións de risco de exclusión social por desemprego na unidade económica familiar; entre outras casuísticas amparadas polos programas e liñas de axuda da Secretaría Xeral das que se benefician os galegos do Exterior en situación de precariedade.

Fin social

Fronte a quen considera, de maneira mal informada, a Hermandad coma un club de elite, Miranda lembrou o seu importante investimento social na mellora das condicións dos máis necesitados e o ímprobo traballo a pé de rúa cos galegos en situación máis precaria, labor que ven desenvolvendo historicamente e que a configura como unha comunidade de marcado carácter altruísta.

Mercé ao traballo da Hermandad e o resto das comunidades galegas presentes en Venezuela, as e os galegos residentes na República Bolivariana posúen un instrumento de socorro para as situacións de maior necesidade, que a Xunta de Galicia recoñece, agradece, valora, e apoia na medida das súas posibilidades.

30 de abril de 2015 | 11:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.