O SUP mostra a súa conformidade coa sentenza aos estudantes de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+
Europa Press

O Sindicato Unificado de Policía (SUP) manifestou a súa “conformidade” coa sentenza 227/2015, do Xulgado do Penal Número 2 de Ourense, que condena, en primeira instancia, a tres mozos como autores dun delito de atentado contra un axente da autoridade, polos “graves feitos sucedidos” o día 11 de Outubro de 2012, con motivo dunha manifestación contra os recortes en Educación.

Esta mobilización, recorda o SUP nun comunicado, finalizou “coa ocupación” da Delegación Provincial da Consellería de Educación, por parte dalgúns estudantes e coa “agresión a membros do Corpo Nacional de Policía”.

A sentenza, condena a tres dos sete mozos imputados con penas que van dun a dous anos de prisión. Ademais, os condenados, deberán indemnizar os axentes lesionados con 700 e 3.660 euros respectivamente.

Para o SUP, esta providencia, “vén a ratificar a correcta e profesional actuación” levada a cabo polas Forzas e Corpos de Seguridade, e que o dereito de reunión e/ou manifestación “é un dereito fundamental recoñecido, e necesario, nun Estado Democrático de Dereito, pero que ese mesmo dereito, leva consigo unhas obrigas e uns límites que non se poden superar impunemente”.

O SUP compareceu como acusación particular na devandita causa para defender os intereses dos seus afiliados.

24 de abril de 2015 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.