publicidade hoxe

O servizo de recollida de Curtis incluirá aveños, cartón, aceite, roupa, pilas, lacería e campañas de concienciación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtis
A-
A+

A poda en varias pistas en Morangeiros, Abelar de Arriba e detrás do cemiterio de Curtis que se estivo executando estes días inclúese nas primeiras medidas de mellora do novo servizo de recollida de residuos sólidos urbanos no municipio curtiense, que comezou a funcionar este mes coa UTE integrada por Celta Prix e Servizo de Concellos Galegos como concesionaria. Por primeira vez, este servizo xestionarase de maneira conxunta para os concellos de Curtis, Sobrado e Vilasantar.

O plan de mellora, pechado cos tres municipios o mes pasado, inclúe a recollida de aveños o último venres cada dous meses así como a posta en marcha da recollida de cartón porta a porta, que se realizará os martes, xoves e sábados a partir de maio, nun horario que se fixará cos propios comerciantes, cos que se manterán reunións para explicarlles o funcionamento do servizo.

A nova concesionaria tamén se encargará da recollida de aceite, roupa e pilas, para o que instalará os colectores adecuados de maneira progresiva, así como dos animais mortos que se atopen na vía pública, servizo para o que a UTE pechou un acordo con Servigal.

Ademais, a empresa procederá a realizar mostraxes da recollida e estudos sobre a reucción de residuos enviados a Sogama, sobre impactos ambientais e a reposición de colectores, entre outros.

Campañas de concienciación

O contrato coa UTE implicará o desenvolvemento de campañas de concienciación entre os veciños sobre a importancia da reciclaxe e a boa separación dos residuos para o seu mellor tratamento.

8 de abril de 2015 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.