O seminario ‘Desenvolvemento de APIs para aplicacións en PHP’ impartirase na aula CeMIT de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

O xoves 07 de maio, na aula CeMIT do Concello de Verín impartirase o seminario gratuíto ‘Desenvolvemento de APIs para aplicacións en PHP’, programado polo Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG). O mesmo, de 16.30 a 20.30 horas, terá lugar a través dun sistema de videoconferencia instalado na aula CeMIT de Verín, para evitar que os/as interesados/as se teñan que desprazar ata o propio CNTG, situado en Santiago de Compostela e que promove o achegamento das novas tecnoloxías da información e comunicación aos/ás verineses.

O obxectivo de ‘Desenvolvemento de APIs para aplicacións en PHP’consiste en presentar dun xeito amplo os conceptos propios dunha API, os diferentes esquemas de seguridade que interveñen nas diferentes partes que consumen unha API e como se implementan e desenvolven usando as tecnoloxías PHP e Zend Framework. Como remate da xornada daranse a coñecer os avances das novas versións de PHP7 e ZF3 a liberar en 2015 A xornada vai dirixida preferentemente a profesionais do sector TIC, desenvolvedores/as e programadores/as en PHP e, en xeral, calquera persoa con interese na temática.

O relator da xornada será Agustín Calderón Machuca, enxeñeiro especialista no desenvolvemento de aplicacións en PHP usando os frameworks mais estendidos (Zend Framework, Symfony, Yii, etc ..). Agustín desenvolve API’s lixeiras para contornas PHP que serán consumidas por servizos móbiles, con altos requirimentos de seguridade e con múltiples pasarelas de pagamento. Formador habitual do CNTG, imparte clases de desenvolvemento de aplicacións en PHP e MySQL dende hai máis de 5 anos.

Para participar neste seminario é necesario inscribirse antes do 06 de maio na aula CeMIT de Verín (Casa da Xuventude. Avenida Portugal, 11, porta 11) ou no correo electrónico cemit.verin@xunta.es

29 de abril de 2015 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.