O Rio Natura Monbus Obradoiro funde ao Bilbao Basket
Tarde máxica a vivida no Fontes do Sar, na que a conexión entre o Rio Natura Monbus Obradoiro e a recentemente galardoada como a mellor afección da liga Endesa, permitiu unha gran remontada dos homes de Moncho Fernández, que se acabaron impondo ao Dominion Bilbao Basket (77-72).
A insistencia triplista de Bertans, máximo anotador dos vascos, Andjusic, Hervelle e Mumbrú outorgou aos Homes de Negro cunha vantaxe próxima aos 20 puntos, pero o corazón e a coraxe da escuadra galega, de novo con Adam Waczynski á cabeza (27 puntos, cinco asistencias e 29 de valoración), cimentaron un último cuarto soberbio (28-8), no que o Rio Natura Monbus volteou o marcador para deleite dun público enfervorizado.
O arranque fulgurante de Bilbao Basket vaticinaba unha tarde complicada para os intereses dos santiagueses. Ata en seis ocasións acertaron, os de Sito Alonso, desde o 6’75: Danilo Andjusic, con tres, Hervelle, con dous, e Mumbrú, cun, fixeron vibrar aos afeccionados bilbaínos desprazados a Compostela.
O Rio Natura Monbus sostívose mentres no mortífero Waczynski, autor de dez puntos practicamente consecutivos, e nas conexións de Pozas co tricentenario Triguero e con Alberto Corbacho, que repartiu catro asistencias e superou as 150 en ACB. Unha gran acción de Raül López, ao límite de tempo, pechou un primeiro cuarto infestado de alternativas, no que os golpes dun equipo foron inmediatamente contrarrestados polo rival (18-22).
O partido continuou coa mellor versión defensiva do Bilbao Basket. Os vascos elevaron o seu nivel de intensidade, medraron en ataque con triangulacións moi precisas rematadas por Raül López. De triplo en triplo, os vascos chegaron ata os 17 puntos de renda, reducidos ao descanso polo sensacional traballo defensivo de Daniel Miller, que capturou cinco rebotes aos que engadiu dous tapóns (27-41).
Á volta do descanso, Hervelle explotou tratando de sentenciar o partido. Os tiros, ben seleccionados, tamén foron precisos, para desesperación da parroquia obradoirista. O intercambio anotador durante metade do cuarto beneficiou ao Bilbao Basket, que paso a paso inchou o colchón ata case 20 puntos.
O conato de reacción do Rio Natura Monbus Obradoiro, coas accións certeiras de Kleber e Waczynski, quedou rapidamente interrompido por unha cominación de fantasía entre Hervelle e Marko Todorovic. Foi das poucas intervencións positivas en ataque do á-pivote montenegrino, un dos xogadores máis valorados da liga, moi ben freado por Miller e Triguero. Sobre a bucina, caéndose, desde media cancha, Dairis Bertans, pareceu sentenciar a contenda (49-64).
Os últimos dez minutos serán difíciles de esquecer para o obradoirismo. Xogadores e afección asinaron unha comuñón que levou polo aire ata o triunfo ao Rio Natura Monbus Obradoiro. O parcial de 10-0 de inicio do cuarto, coa reactivación de Corbacho e unha nova efervescencia de Waczynski, incendiou á afección. Con todo, Bilbao Basket non se engurrou, e apuntillou ao Rio Natura Monbus cos canonazos de Mumbrú e Bertans, collendo aire e deixando a diferenza en 11 cando apenas restaban catro minutos.
A partir dese instante, o Rio Natura Monbus enlazou catro minutos dun baloncesto perfecto. Desde a defensa, cun soberbio roubo de Pozas defendendo a Todorovic debaixo de canastra e a maxistral dirección do base malagueño, capaz de aliarse con Waczysnki, o Rio Natura dinamitou o encontro. Corbacho atopou de novo o aro, e Pepe devolveulle a iniciativa á escuadra local penetrando na zona bilbaína e sacando a antideportiva a Raül López.
A afección fregouse os ollos e creu nunha remontada épica dos seus. Desde a liña de persoal sentenciou Waczynski, culminando un sobresaliente parcial de 18-2, para un total do 28-8 nun último cuarto para o recordo.
O Rio Natura Monbus Obradoiro alcanza as 13 vitorias esta tempada, igualando o seu segundo mellor rexistro na liga Endesa, quedándose a un suspiro de certificar a permanencia, un ano máis, na máxima categoría do baloncesto español.
Nunha semana na que os santiagueses non xogarán ningún partido oficial, polo adiamento do encontro contra o FC Barcelona no Palau, con motivo da disputa dos Playoffs da Euroliga, o Rio Natura Monbus Obradoiro medirase, nun encontro amigable, ao Leyma Basquet Coruña (martes, 20:00; Palacio dos Deportes de Riazor).











