O rexedor de Ferrol informa aos representantes veciñais do Ensanche A

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Reunión do alcalde de Ferrol cos representantes veciñais

Reunión do alcalde de Ferrol cos representantes veciñais

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, mantivo esta mañá un encontro de traballo con representantes da asociación de veciños do Ensanche A co obxectivo de supervisar as actuacións acometidas nesta zona ao abeiro do Plan de Barrios. O primeiro edil da cidade estivo acompañado polo concelleiro de Servizos e Medio Ambiente do Concello de Ferrol, Borja Carro Muñoz, así como os técnicos municipais dos servizos de mantemento de viarios, iluminación, parques e xardíns e abastecemento de auga.

Este encontro tamén serviu para informar aos representantes veciñais da mellora integral e pintado de diferentes rúas incluídas dentro do segundo programa de Renovación Integral de Viarios que se está a desenvolver en nove zonas do municipio. No caso do Ensanche A, as rúas en que xa se interviu o se está a traballar nestes momentos son: Mosteiro de Monfero e Castelo de Andrade dende Río Xubia; Pontevedra, dende Instituto até Alcalde Usero; rúa Cataluña; e Cuntis até Cataluña.

Así mesmo, deuse conta da mellora e reparación de beirarrúas e alcorques realizada na estrada de Castela así como o pintado e sinalización deste viario na súa totalidade; e da instalación e posta a disposición da cidadanía do parque canino, situado na rúa Río Mera. Outras actuacións de mellora e mantemento acometidas no barrio do Ensanche A polos servizos municipais e empresas que traballan para o Concello ao abeiro do Plan de Barrios son:

– Tarefas de roce e chapeo en todo o barrio, con especial atención aos solares das rúas Río Xallas, Seselle, Río Sil, Torre de Moeche e praza Río do Tronco.

– Un total de 15.142 metros cadrados de mantemento e limpeza en zonas verdes. Ademais de traballos de poda na praza Ricardo Segura, avenida da Paz, estrada de Castela e Monasterio de Monfero; e a prantación de flores de estación, arbustería e arbolado.

– Instalación de oito bancos de madeira e sete xardineiras no parque do Inferniño, o parque canino, a avenida da Paz e a praza Río do Tronco.

– Reparación do alumeado das farolas en Miguel de Cervantes e Fontaíña.

– Revisión do funcionamento e estado dos xogos de todos os parques infantís.

– Ampliación do parque infantil da praza do Inferniño coa instalación dun columpio-cesta para menores entre 2 e 14 anos no parque infantil do Inferniño, así como de chan de caucho e un columpio mixto para bebes e nenos de 3 a 14 anos. Ademais da colocación dun vallado de madeira para protexer o acceso ao recito de xogos.

– Colocación dun columpio mixto e chan de caucho no parque infantil da Ilustración.

 

24 de abril de 2015 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.