O PSOE denuncia que o alcalde se nega a bonificar o IBI ás asociacións de Cambre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+

O PSOE de Cambre solicitou ante o goberno local que se bonificase nun 95% a cota do IBI da inmobles propiedade de asociacións culturais, veciñais ou deportivas. Con todo, o alcalde négase a acceder a tal petición, xerando un agravio e un castigo a estes colectivos. As asociacións propietarias terían que pagar este imposto, mentres que aquelas que utilizan instalacións do Concello non.

O Grupo Municipal dos Socialistas de Cambre presentou o  4 de febreiro de 2015 unha batería de propostas de revisión da ordenanza fiscal do imposto de bens inmobles, IBI, (contribución) destinada a paliar os efectos negativos que sobre as economías dos veciños de Cambre vai ter a revisión de valores catastrais de inmobles sitos no noso municipio. Esa ordenanza foi levada a cabo, unilateralmente, polo Goberno do Partido Popular en Cambre que preside Manuel Rivas. Fíxose ás costas e sen coñecemento de veciños, asociacións ou resto de grupos políticos da corporación.

Entre estas propostas realizadas polos Socialistas de Cambre atopábase unha destinada a bonificar nun 95% a cota íntegra do IBI da inmobles propiedade de asociacións culturais, veciñais ou deportivas, que ven obrigadas a abonar este imposto local, a pesar de que as súas instalacións se dedican a realizar actividades sociais, culturais, deportivas… Trátase de actividades que teñen como destinatarios aos veciños das parroquias de Cambre.

Castigo e agravio aos que se dotaron de instalacións

Con esta medida, o Partido Popular de Cambre, castiga as débiles economías do tecido asociativo de Cambre, e, en particular, daquelas institucións veciñais que ao longo de moitos anos de traballo preocupáronse por dotarse de instalacións propias para dar servizo aos seus veciños.

Esta medida supón un claro agravio respecto daqueloutras que realizan as súas actividades en instalacións e locais propiedade do Concello e que non teñen que abonar cantidade algunha.

Esta negativa do alcalde de Cambre a aceptar a proposta dos Socialistas de Cambre, “é unha clara proba de desprezo ao traballo xeneroso e altruísta que veñen realizando todas as asociacións de Cambre en xeral  e, en particular, aquelas que, con gran esforzo dos veciños, dotáronse de inmobles e locais onde realizar as súas actividades”, manifesta o portavoz do PSOE no municipio, Augusto Rey.

Esta medida  afecta a asociacións de Peiraio, Brexo Lema e Cecebre, entre outras.

Rey: “Tentamos minimizar os efectos da tropelía do alcalde”

Augusto Rey, portavoz dos socialistas cambreses é contundente ao afirmar: “A modificación da ordenanza do IBI que se debaterá no Pleno ordinario do 30 de abril non é unha iniciativa do goberno municipal do partido popular. Obedece á presión que, o Grupo Municipal Socialista e a cidadanía de Cambre en xeral, exercemos para tentar minimizar os efectos da tropelía do alcalde de Cambre ao promover unha revisión de valores catastrais inxusta e desproporcionada”.  Tal e como afirma Rey: “Ningún partido político promoveu máis iniciativas no ámbito administrativo e institucional que o Partido Socialista para paliar esta medida”.

O PSOE de Cambre logra que o PP estude baixar o IBI

En canto á medida proposta polo Grupo Municipal dous Socialistas de Cambre de revisar á baixa o tipo do gravame maioritario do IBI (fixado nestes momentos no 0,65%), a fin de paliar os efectos sobre as economías domésticas da subida dos valores catastrais aprobada polo Partido Popular de Cambre, os socialistas de Cambre aceptan o estudo-proposta realizada polos técnicos municipais de rebaixar o mesmo a un 0,60%, como punto de partida na revisión xeral da ordenanza, de tal forma que no ano 2016 non se incremente, de forma xeneralizada, a cantidade a abonar polas familias.  

Os socialistas de Cambre entenden que, con esta medida proposta polos técnicos, e aceptada por un alcalde acurralado polo tremendo erro que cometeu, ao aprobar de forma irresponsable e unilateral a revisión de valores catastrais, así como o dano que, conscientemente, causou co seu proceder a tantas e tantas familias de Cambre, é un punto de partida. “Cando cheguemos ao Goberno haberá que abordar en profundidade esta e outras ordenanzas”, afirma Rey.

A solución é unha revisión de valores

Os socialistas de Cambre manifestan que esta modificación da ordenanza do IBI non soluciona o problema xerado e consideran que só unha nova revisión dos valores, esta vez realizada sobre criterios obxectivos e aténdose á realidade do mercado inmobiliario e ás economías das familias de Cambre poderá liquidar o problema.

Tal e como manifestou Augusto Rey, seguindo os prazos que establece a Lei do Catastro, os socialistas seguirán “traballando para esixir á Dirección Xeral do Catastro que esta nova revisión leve a cabo o primeiro día en que legalmente poida facerse; sen máis demora”.

29 de abril de 2015 | 20:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.