O Proxecto Magallanes aspira a posicionar a Galicia á vangarda da enerxía do mar a nivel internacional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe na súa visita ás instalacións da empresa auxiliar do sector naval Coterena, que está a participar no Proxecto Magallanes centrado na construción dun trimarán para a xeración de enerxía mareomotriz, que esta iniciativa aspira a “posicionar a Galicia á vangarda da enerxía do mar a nivel internacional”.

O titular de Economía e Industria, que estivo acompañado pola delegada territorial, María José Bravo, resaltou a importancia da cooperación empresarial e público-privada para o desenvolvemento dun proxecto que conta co afán emprendedor e innovador de Magallanes Renovables; co esforzo da propia Coterena, que representa o potencial do naval galego e as súas posibilidades de diversificación; e co traballo do estaleiro Cardama, que ensamblará todas as pezas.

Un saber facer empresarial ao que, co programa Innterconecta, se sumou a colaboración das 3 universidades galegas e doutros centros tecnolóxicos e do coñecemento. O resultado é o desenvolvemento de pezas como a coñecida hoxe, un modelo único no que participaron ata 14 empresas e que permitirá ensamblar as palas deste trimarán feito en Vigo, e “que amosa a aposta pola innovación empresarial, polo coñecemento e por produtos que poden terminar no mercado”.

Trátase do primeiro prototipo flotante de España que busca facer rendible a enerxía obtida das mareas. Un obxectivo que encaixa no primeiro dos retos da Estratexia de Especialización Intelixente – RIS3, que procura un novo modelo de xestión dos recursos naturais baseado na innovación. “Galicia conta con grandes posibilidades no emprego destes recursos naturais, como o vento, a biomasa ou a propia enerxía do mar”, incidiu Conde, quen subliñou que, dos máis de 20GW de potencial estimado das costas estatais, a Comunidade suma preto do 35%.

Este escenario, apuntou o conselleiro, ofrece a oportunidade de impulsar proxectos como o Magallanes, ou o Energy Mare, que habilitará unha zona experimental en Punta Langosteira para ensaiar con este tipo de prototipos en condicións reais.

24 de abril de 2015 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.