O Prone Lugo F.S. pecha a tempada perdendo

Encontro Prone Lugo e DLink Zaragoza
Buscaba o Prone Lugo F.S. dar á súa afección a primeira alegría da tempada, e esta sería a súa última oportunidade, posto que o partido ante o DLink Zaragoza foi o último da tempada 2014/2015 como local, a liga para os de Manolo Vázquez finalizará o vindeiro venres en Murcia ante ELPozo. O partido comezaba con dominio alternos, aínda que quen buscaba o gol con máis empeño nos primeiros instantes era o cadro maño, que trataba de logralo con remates afastados, aínda que o Prone foi aos poucos tratando de darlle a volta a esa situación e gozou de ocasións para poñerse por diante no luminoso, pero o marcador non se movería ata o minuto 13 cando Manuel María lograba enviar o balón ao fondo da portería de Iván Bernad, logrando así finalizar unha boa xogada do seu equipo. Pouco ou nada duraría a alegría ao Prone, pois no seguinte minuto os visitantes lograban dous goles consecutivos, obra de Óscar Villanueva e Caio Alves. No minuto 16 Óscar Iglesias tería que deixar o seu posto a Illi tras sufrir un balonazo na cara ao remate de Nano Modrego despexando o balón a córner, nese córner o propio Nano Modrego lograba aumentar a renda para o seu equipo. Tivo dúas claras ocasións o Prone para recortar distancias antes do descanso, pero o marcador non se movería máis no primeiro acto.
Na reanudación os dous equipos saíron como ao comezo do partido, e as ocasións sucedíanse para os dous equipos, tivo unha moi clara Javi Río tras un servizo de Diego Núñez pero o balón foise lambendo o pau, quen si logro finalizar unha das ocasións do seu equipo foi Catela que no minuto 27 poñía o 1-4 no marcador do Municipal de Lugo. Seguíao intentando o Prone, pero o segundo gol resistíase, ata que no minuto 32 Nacho Pedraza lograba tras unha xogada persoal un gran gol, e devolvía aos seus a esperanza de sacar algo positivo no partido. A falta de cinco minutos intentábao Manolo Vázquez co xogo de cinco, colocando a Nacho Pedraza como porteiro xogador, pero o gol seguía resistíndose aos lucenses, quen si lograría o gol sería o DLink Zaragoza por medio de Nano Modrego que tras unha boa xogada batía a Nacho Pedraza, esta vez a estratexia de porteiro xogador non deu resultado, e o partido finalizou co 2-5 no marcador.











