O prazo para o pago voluntario do imposto de vehículos na Coruña finaliza o 5 de maio
O Concello da Coruña informa de que o prazo para o pago voluntario do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica de 2015 permanece aberto ata o próximo 5 de maio, pois do mesmo xeito que o ano pasado ampliouse o tempo para abonar os recibos e, así, favorecer aos cidadáns o pago desta taxa municipal.
Este ano mantéñense as tarifas de anos anteriores, dentro da política municipal de conxelación de impostos e taxas iniciada ao comezo deste mandato. A maiores, existen bonificacións para aqueles comerciantes e empresarios que aposten polos vehículos a motor eléctrico ou que xeren cero emisións.
Dentro desta política municipal de conxelación de impostos e taxas, na ordenanza número 52, relativa ao imposto sobre vehículos de tracción mecánica, a bonificación para actividade comercial pode chegar ao 75%. As exencións fiscais tamén chegan a todos os vehículos con menor incidencia sobre o medio ambiente nas súas emisións de CO2, con bonificacións que poden alcanzar o 75%.
Para facilitar o seu pago, ademais de ampliar por segundo ano consecutivo o prazo de pago voluntario -iniciado o pasado 1 de marzo, manterase aberto ata o 5 de maio; anteriormente, finalizaba o 30 de abril-, o Goberno local establece para os propietarios dos vehículos a posibilidade de abonar os seus impostos a través de diferentes vías:
– A Caixa Municipal, é dicir, nas oficinas da área de Facenda, na rúa da Franxa, 20-22, en horario de luns a venres (excepto festivos) de 08.00 a 14.00 horas. O pago poderá efectuarse en metálico; a través de cheque a nome do Concello da Coruña, conformado ou certificado pola entidade bancaria; a través de multitarxeta de débito ou crédito; e no caixeiro automático para pagos de tributos.
– En internet mediante a pasarela de pagos municipal: na páxina web do Concello –www.coruna.es-.
– En bancos e caixas de aforro que colaboran coa administración municipal. En total, son 13 entidades financeiras: BBVA, Banco Caixa Geral, Banco Pastor, Banco Popular Español, Banco Sabadell Galego, Banco Santander, Barclays Bank, Abanca, Catalunya Banc, Caixa España, Bankia, CaixaBank (A Caixa) e Citibank.
O pago a través das entidades colaboradoras pode realizarse a través de portelo, caixeiros automáticos, domiciliación bancaria ou pago telemático, é dicir, a través dos enlaces existentes na web municipal www.coruna.es ou con pasarelas de pago das entidades financeiras adheridas.
Os documentos de cobro foron enviados ao domicilio declarado por correo ordinario. En caso de non recibilo, o obrigado ao pago debe persoarse nas oficinas municipais da rúa da Franxa para obter un duplicado, xa que a súa non recepción no domicilio non exonera da obrigación de pago, nin impide a utilización da vía de prema.
As persoas interesadas tamén poderán obter a documentación a través da páxina web do Concello –www.coruna.es-. Para máis información, pódese acudir ás oficinas do departamento municipal de Facenda ou realizar unha chamada gratuíta ao servizo de información 010 ou ao teléfono 981 18 42 00.











