O porto pesqueiro de Vigo recibe a visita de importadores de Hong Kong e China

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorLocal PortadaVigo
A-
A+
Visita dos importadores

Visita dos importadores

O Porto Pesqueiro de Vigo recibiu esta mañá a visita de varios importadores de Hong Kong e China, interesados nos produtos de alimentación españois e, en particular, da pesca e o marisco galegos.

O Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañou á delegación durante a súa visita a instalacións portuarias, onde Gerald Le, da empresa Pomegranate Trading Limited, de Hong Kong, e Janice Cheung, de Angliss Macao, puideron comprobar de primeira man a calidade do produto galego e as características do considerado primeiro porto mundial en tráfico de pesca para consumo humano.

Gerald Le é un recoñecido especialista en diversos produtos españois, e traballa tanto como importador como asesor doutras empresas da zona nos procesos de compra de produtos de alimentación españois, desde carne e produtos curados do porco ibérico, xamón serrano, carne de vacún galego, e produtos do mar como polbo ou gamba vermella.

Pola súa banda, Janice Cheung traballa no departamento de compras de Angliss Macau, recoñecida empresa que conta tamén con sede en Hong Kong, China e Singapura. Angliss distribúe os seus produtos en restauración, hoteis, tendas gourmet… Traballan bastantes produtos de importación (salmón, caviar, produtos italianos, franceses…). É, en definitiva, unha empresa de prestixio na distribución de produtos de alimentación de calidade no mercado asiático.

Durante a súa visita ao Porto Pesqueiro de Vigo estiveron acompañados por Javier Hernández, responsable da empresa Nomox, especializada en traballar con empresas importadoras en diferentes países co obxectivo de axudarlles nos procesos de selección de provedores, compra, procesos loxísticos, etc…

Tras visitar a lonxa de baixura, grandes peixes e altura, a delegación estableceu un primeiro contacto con diversos provedores interesados en exportar os seus produtos a esta zona. Trátase dunha misión inversa de importantes empresarios chineses, que do mesmo xeito que moitas outras empresas e institucións de todo o mundo, requiriron expresamente contactar con operadores do sector pesqueiro de Vigo para canalizar a exportación de produtos frescos e conxelados desde as lonxas e empresas do Berbés cara ao mercado asiático.

Incremento do tráfico con China e Hong Kong

Durante o ano 2014, o tráfico do Porto de Vigo con China incrementouse nun 29,1%, sendo unha das principais mercadorías a da pesca conxelada, con máis de 37.000 toneladas.

Pola súa banda, o tráfico con Hong Kong subiu un 7,1%, destacando especialmente os tráficos de alimentos e pesca conxelada, e sendo o 99,86% deste tráfico de exportación.

Excelentes relacións comerciais

Esta visita forma parte das excelentes relacións que posúe o Porto de Vigo con China. Neste caso concreto, iniciouse por expreso desexo da delegación empresarial chinesa en coñecer as lonxas do Porto vigués. Ao finalizar, entrevistáronse, nunha apertada axenda, con empresarios vigueses, cos que puxeron o punto de partida de futuras operacións.

Ademais de abrir novas rutas de negocio para prestixiosas empresas ás que representan, como cadeas hoteleiras e de restauración, asesoran a mercantís chinesas na compra de produtos españois de alimentación co fin de introducilos no mercado; pois actúan tamén como distribuidores de produtos de alimentación de calidade no sector empresarial chinés. En feiras internacionais e a petición de empresas asiáticas, organizan conferencias para dar a coñecer a diversidade de produtos españois, así como a calidade dos mesmos.

A Autoridade Portuaria de Vigo estivo presente nas últimas edicións da prestixiosa Feira de Peixe e Marisco de China, así como en varias Misións Comerciais polo Sueste Asiático. Este ano, participou na International Seafood Show e na Seafood Processing América de Boston celebrada recentemente, xa que considera fundamental impulsar e apoiar coa súa presenza nas feiras internacionais máis destacadas aos operadores vigueses e galegos e, desta forma, dar a coñecer non só o tecido empresarial autonómico do sector da pesca, senón tamén e máis importante, a calidade do produto comercializado a través das lonxas viguesas, que son especialmente valoradas fóra das fronteiras españolas pola trazabilidade e a calidade dos produtos.

1 de abril de 2015 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.