publicidade hoxe

O pleno de San Sadurniño dá o visto e prace á contratación das obras do campo de fútbol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Nesta tarde de luns a corporación estaba chamada a unha sesión extraordinaria do pleno para tratar, principalmente, o inicio do expediente de contratación das obras de cambio a céspede artificial do campo de Currás. Un punto que obtivo o apoio unánime dos tres grupos, tendo en conta que se trataba só dun trámite obrigado por mor de que o importe total da licitación -340.000 euros- supera as competencias de contratación delegadas na Xunta de Goberno Local. Canda este asunto o pleno tamén tivo que ratificar a solicitude á Xunta das axudas para o cofinanciamento dos servizos sociais municipais. Nese caso só votaron a favor o BNG e mailo PSOE mentres que o PP optou por absterse.

A sesión arrancou cos apartados de aprobación da acta anterior e de toma en coñecemento de acordos e resolucións adoptadas desde a última sesión. As máis reseñables foron o cambio de denominación dos proxectos da casa da mocidade e do centro de empresas. É unicamente un cambio do nome solicitado pola Deputación que non lle afecta á execución dos propios proxectos nin tampouco á súa finalidade, que se mantén tal e como estaba prevista: por unha banda converter parte da antiga sede municipal en centro de formación e para a xuventude e por outra rematar as obras no último andar do edificio anexo para convertelo en recinto para o emprendemento.

Malia non estar incluído na orde do día, o secretario municipal sinalou que sería conveniente aproveitar a sesión para ratificar a solicitude á Xunta da transferencia finalista para o cofinanciamento dos servizos sociais e asistenciais que presta o Concello. O expediente está xa tramitado e nel solicítase a transferencia de 209.207,77 euros, cos que se sufragarán parte do salario da traballadora social e tamén parte dos custes do Servizo de Axuda no Fogar. Á hora da votación tanto o BNG como o PSdeG-PSOE ratificaron esta solicitude mentres que o Partido Popular se abstivo.

Onde si houbo unanimidade foi no punto do inicio do expediente de contratación das obras de substitución do céspede no campo de Currás, logo de ter aprobado o proxecto e de terse suscrito o convenio financeiro coa Deputación da Coruña. Os traballos licitaranse por un prezo de saída de 340.224,41 euros. Unha cifra que supera o 10% dos recursos ordinarios reflectidos nos orzamentos municipais e que, polo tanto, debe ser aprobada polo pleno en vez de pola Xunta de Goberno Local. 

No debate deste asunto o portavoz do PP, Plácido López, manifestouse para pedir algunhas modificacións “no longo e mailo ancho”. O alcalde expresou a disposición municipal de “ter en conta todas as melloras que se poidan facer” durante a execución das obras e puntualizou que “o que se poida facer farase sen modificar o proxecto”. A este respecto García explicou que, unha vez adxudicadas as obras, contratarase a dirección facultativa duns traballos que teñen un prazo de execución de 3 meses.

6 de abril de 2015 | 20:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.